Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A directora de Augas de Galicia reitera que nunca se detectou toxina nin risco para a saúde no encoro do Umia e se continúa a traballar para minimizar a aparición de cianobacterias

Teresa Gutiérrez aclara que os episodios de aparición das cianobacterias nunca xeraron toxinas neste encoro e as cianobacterias reciben o tratamento axeitado nas potabilizadoras, polo que a calidade do abastecemento está asegurada

Sinala que o Goberno galego vén realizando un control exhaustivo en relación á calidade da auga do encoro de Caldas, de acordo cun protocolo de actuación do que toman parte tamén os departamentos de Medio Ambiente e Sanidade

Indica que a Xunta realizou diversos estudos e tomou medidas como a adecuación cada ano da xestión do encoro para tentar que o seu nivel se manteña nunha determinada cota, aminorando a proliferación de cianobacterias

Explica que tamén se dotou a planta de potabilización de Caldas dunha nova captación e depósito para optimizar o seu funcionamento e se mellorou a EDAR de Cuntis, entre outras infraestruturas hidráulicas da contorna do encoro

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, reiterou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento que a Xunta continúa traballando para minimizar a aparición de cianobacterias no encoro do Umia, en Caldas de Reis, onde lembrou que non se ten detectado a presenza de toxina nin, polo tanto, riscos para a saúde.

Teresa Gutiérrez aclarou que os episodios de aparición das cianobacterias nunca xeraron toxinas neste encoro e ademais, as cianobacterias reciben o tratamento axeitado nas potabilizadoras da zona, polo que tamén a calidade do abastecemento está asegurada.

O Goberno galego vén realizando un control exhaustivo en relación á calidade da auga do encoro de Caldas, de acordo cun protocolo de actuación do que toman parte tamén os departamentos de Medio Ambiente e Sanidade.

O seguimento de proliferación de cianobacterias realízase tanto no encoro de Caldas como nas captacións que existen augas abaixo deste: Segade, Rabuñade, Ponte Baión e Ponte Arnelas. As estacións potabilizadoras asociadas a estas captacións están preparadas para tratar a auga con presencia de cianobacterias.

A directora lembrou que ademais deste control, o Executivo autonómico elaborou unha serie de estudos que determinaron que as causas das principais achegas de nutrientes ao encoro son as deficiencias no saneamento, a influencia da actividade agrogandeira e a ausencia de bosque de ribeira.

Subliñou que a partir destes estudos, a Xunta tomou medidas concretas en diferentes ámbitos. Así, actuouse no réxime de explotación da presa, facendo cada ano unha adecuación da xestión do encoro, para tentar que o seu nivel se manteña nunha determinada cota, minimizando o impacto das proliferacións de cianobacterias.

Indicou que tamén se dotou a planta de potabilización de Caldas dunha nova captación e depósito, que permitiron optimizar o seu funcionamento. Engadiu a mellora e ampliación da EDAR de Cuntis, as novas redes de saneamento separativas en Moraña e Caldas de Reis e o mantemento das depuradoras e redes saneamento no entorno no encoro.