Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executará as obras de mellora necesarias na depuradora de Paradivas, en Caldas de Reis, para poñela en funcionamento

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, xa lle trasladaran este compromiso de colaboración ao alcalde no encontro mantido o pasado mes

Teresa Gutiérrez comunicoulle ao rexedor que a Xunta asumirá o financiamento das actuacións mediante a achega de máis de 40.000 euros

A depuradora, que trata as augas residuais dos núcleos de Paradivas e Sabadín, está actualmente fóra de servizo por mor dos problemas que presentan os seus equipos
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, no que lle trasladou que a Xunta executará obras de mellora para poñer en servizo a estación depuradora de augas residuais de Paradivas.

Teresa Gutiérrez trasladoulle ao rexedor que o Goberno galego asumirá as actuacións para a optimización da citada EDAR mediante o investimento de máis de 40.000 euros.

Cómpre lembrar que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, xa lle comunicaran este compromiso de colaboración ao alcalde no encontro mantido o pasado mes.

A depuradora, que trata as augas residuais dos núcleos de Paradivas e Sabadín, está actualmente fóra de servizo por mor dos problemas que presentan os seus equipos e a falta de mantemento. Así o comprobaron os técnicos de Augas de Galicia durante unha inspección efectuada o mes pasado nestas instalacións.

A directora fixo fincapé en que a execución das melloras nesta infraestrutura é prioritaria, pois unha vez que se poña en funcionamento, evitará a achega das augas residuais contaminantes ao encoro desta localidade pontevedresa. Cabe recordar que o vertido descontrolado de augas residuais sen depurar é unha das causas da eutrofización deste encoro e da proliferación de cianobacterias.

Tamén lle fixo entrega ao alcalde documentación con toda a información dispoñible na Xunta en relación ao seguimento e aos resultados das analíticas sobre a concentración de cianobacterias e de toxina no encoro do Umia.