Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta investirá case 120.000 euros nas obras de mellora da accesibilidade no coto de Xallas-Beba, nos concellos de Dumbría e Mazaricos

O Goberno galego proporalles proximamente aos citados municipios a sinatura dun convenio de colaboración para poder acometer estas actuacións

As obras consistirán na renovación de sete pasos de pescadores e a creación de dúas plataformas de pesca en Colúns, que permitan a práctica da actividade deportiva a persoas con mobilidade reducida

O Executivo autonómico, unha vez executadas as obras, poñeraas a disposición dos municipios, que asumirán as tarefas de conservación e mantemento

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investirá case 120.000 euros na mellora da accesibilidade ao coto de Xallas- Beba, nos Concellos de Dumbría e Mazaricos.

A Xunta proporalles proximamente os citados municipios a sinatura dun convenio de colaboración para poder acometer estas actuacións de acondicionamento.

As obras, cun prazo aproximado duns tres meses, consistirán na renovación de sete pasos de pescadores e a creación de dúas plataformas de pesca en Colúns, que permitan a práctica da actividade deportiva a persoas con mobilidade reducida.

Substituiranse os pasos existentes por outros novos de madeira de piñeiro. Tres destas infraestruturas situaranse na marxe dereita do río Xallas e as outras catro na marxe esquerda.

Toda a madeira estará tratada e protexida da luz solar e as varandas tamén serán de piñeiro e estarán elevadas un metro sobre a tarima do paso peonil. O pavimento dos pasos será tratado con resina sobre a que se engadirá area de cuarzo.

O proxecto tamén contempla actuacións para facilitar a pesca a persoas con mobilidade reducida, instalando dúas plataformas na marxe esquerda do río Beba. Ademais, esta zona disporá de bolardos colocados á entrada de cada plataforma para impedir o paso de vehículos.

No que se refire ás obrigas, o Executivo autonómico, unha vez executadas as obras, poñeraas a disposición dos Concellos de Dumbría e Mazaricos, que asumirán a responsabilidade das tarefas de conservación e mantemento.