Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia e o Concello de Viveiro analizan os traballos pendentes nas zonas afectadas polas riadas de novembro

Nunha primeira fase, os equipos da Xunta actuaron no leito e as marxes do río Fontecova, á altura da ponte da rúa Camiño, seguindo augas arriba coa retirada de atascos nas estruturas e nos pasos e estendendo os mesmos ao río Trasposta

A continuación, as actuacións centráronse no dragado do material que colmaba a sección do leito no treito do núcleo principal do barrio de Xunqueira, coa retirada de fragmentos procedentes de muros, paredes, pontes, biondas e varandas

A Xunta de Galicia leva achegado un investimento que supera os 100.000 euros

Aos traballos de Augas de Galicia súmanse os da Axencia Galega de Infraestruturas, cuxos técnicos xa limparon máis de 2.500 metros de conducións e máis de 500 sumidoiros e pozos de rexistro

O estudo técnico dos traballos pendentes revela dificultades pola inaccesibilidade da zona e os condicionantes do desenvolvemento urbanístico que o Concello debe resolver

Viveiro (Lugo), 15 de xaneiro de 2019.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, desprazouse hoxe ata a Viveiro para abordar coa alcaldesa, María Loureiro, a situación das zonas afectadas polas inundacións de novembro e os traballos pendentes de realizar.

Na liña de colaboración que está a manter a Administración hidráulica da Xunta coa entidade local, Teresa Gutiérrez quixo informar sobre o terreo das distintas actuacións que se veñen realizando - desde o primeiro momento da emerxencia e ata o momento- nas concas dos ríos Xunqueira, Fontecova e Trasposta.

Eses traballos foron desenvolvidos en dúas fases, entre o 19 de novembro do 2018 e este mesmo mes de xaneiro, nos que Augas de Galicia desprazou á zona a 5 equipos técnicos e leva investido máis de 80.000 euros. Se a estas actuacións se suman as da Axencia Galega de Infraestruturas, cunha achega duns 25.000 euros, resulta un investimento autonómico que supera os 100.000 euros.

Nun primeiro momento, actuouse na retirada de troncos, ramas e material de arrastre no leito e as marxes, á altura da ponte existente na rúa Camiño de Fontecova, ao tempo que se realizaba a inspección de varios puntos ao longo de toda a conca, para determinar o alcance das incidencias e priorizar as actuacións.

Da información obtida polos técnicos, os traballos continuaron augas arriba, desde o punto intervido inicialmente no río Xunqueira, e centrándose na retirada de atascos nas pontes e nos pasos existentes, prolongando a acción ao entorno accesible. Estes traballos se estenderon ao río Trasposta, cunha intervención de idéntica natureza en zonas determinadas, ademais de dragar o sedimento acumulado á entrada dun paso.

Concluída esta primeira fase de retirada de obstrucións por elementos vexetais no leito, se continuo coa segunda, centrada na entorna do barrio de Xunqueira. Na mesma, seguiu dicindo, centrouse no dragado do material que colmaba a sección do leito no treito do núcleo principal do barrio, e a retirada de fragmentos de certo volume e natureza diversa, procedentes de muros, paredes, pontes, biondas e barandillas, que obstruíron parcialmente puntos concretos do leito do río Xunqueira.

Traballos pendentes

Augas de Galicia puxo tamén sobre a mesa o estudo técnico que está a realizar o organismo de conca da Xunta, sobre os traballos pendentes de acometer na zona, unha vez resoltas as incidencias de primeira necesidade.

Ese estudo revela dificultades pola inaccesibilidade da zona e polos condicionantes do desenvolvemento urbanístico que o Concello debe resolver.

Entre esas incidencias pendentes de resolver están a existencia dun muro de peche na cabeceira de conca, unha estrada local cortada polo colapso da ponte ou erosión nun noiro dunha pista forestal que é o único acceso posible para un tramo con atascos importantes.

Ademais nesta zona, detectáronse deficiencias existentes nas varandas e os elementos de contención en pontes e treitos do barrio Xunqueira ou as erosións na Senda da ruta dos Muíños. Tamén hai restos de ruínas inestables, erosións de noiros descubertos e varandas levantadas pola crecida en zona de vivendas, ou do derrube parcial de pequena escolleira anexa ao edificio de cerámica Regal.

Limpeza de canalizacións de augas pluviais

Ao traballo realizado no municipio da Mariña lucense por Augas de Galicia, súmanse outras actuacións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade solicitadas desde o Concello de Viveiro, acometendo os técnicos de Infraestruturas a limpeza e canalizacións de augas pluviais do municipio.

Estas tarefas, nas que se está a traballar desde o pasado día 11 de decembro e que se ten previsto rematar o 23 deste mes, permitiron a limpeza, ata o momento, de máis de 2.500 metros de conducións e máis de 500 sumidoiros e pozos de rexistro.