Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita en 337.000 euros a nova rede de abastecemento da parroquia de Tribás en Pantón

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, José Luís Álvarez, presentou as principais novidades do proxecto

A actuación inclúe tamén unha nova captación coa execución dun pozo de barrena e a construción dun depósito de auga
 

  • O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, José Luís Álvarez, presentou as principais novidades do proxecto

Pantón (Lugo), 3 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar en 337.000 euros a obra de construción da nova rede de abastecemento de auga que dará servizo á parroquia de Tribás, no municipio lugués de Pantón.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, José Luís Álvarez, presentou as principais novidades deste proxecto que permitirá ampliar este servizo de abastecemento de auga en condicións de potabilidade.

As empresas interesas en executar estas obras teñen ata o 28 de xaneiro para presentar as súas ofertas e, unha vez adxudicada a obra e asinado o correspondente contrato, os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses.

“Trátase dunha actuación importante coa que respondemos a unha demanda veciñal e que incide na liña que veñen trazando Xunta e Concello, de mellora da calidade de vida daqueles que viven no rural. Queremos as parroquias dispoñan de servizos de calidade, en consonancia co medio ambiente, en apoio aos veciños e ás explotacións gandeiras da zona, e no obxectivo de acondicionar o noso rural para que sexa cada vez máis atractivo para o asentamento de nova poboación”-explicaron.

Tres actuacións complementarias

As obras proxectas consisten en tres actuacións distintas pero complementarias: unha nova captación, a construción dun depósito e a execución material da nova rede de abastecemento nesta parroquia.

Polo que respecta á nova captación, construirase un pozo profundo de barrena, mediante unha sondaxe vertical, ata un profundidade estimada de 150 metros. No interior do pozo instalarase unha bomba somerxible encargada dos traballos de impulsión. Ademais contará cunha plataforma perimetral na cabeza do pozo e este protexerase cunha tapa de fundición

Tamén esta previsto construír un depósito de auga cunha capacidade de 25 metros cúbicos, dotado de sistema de cloración. A cámara de chaves dispoñerá de dous departamentos, un específico para aloxar o depósito de cloro e outro para valvulería e sistema de análise de auga en continuo para regular a dosificación de cloro e cumprir os parámetros sanitarios nos puntos de consumo.

Finalmente a rede de abastecemento está formada por tubaxes de polietileno de alta densidade. Irá soterrada baixo gabia. As unións das tubaxes executaranse con manguitos electrosoldables de maior durabilidade. Dispoñeranse das correspondentes válvulas de peche para sectorizar a rede e evitar cesar a prestación do servizo en caso de fugas. Así mesmo instálanse bocas de rego-incendio. Entre os traballos previstos están a reposición dos firmes existentes nas mesmas condicións, estando previsto realizalo cunha tripla rega asfáltica.

Ampliación da rede municipal

Na actualidade a parroquia de Tribás non conta con rede de abastecemento municipal, si hai servizos a base de pozos particulares e captacións en mananciais. Con esta iniciativa preténdese dar un servizo de abastecemento de auga en condicións de potabilidade a toda a veciñanza.