Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez reitera a necesidade de que todas as administracións analicen desde unha perspectiva global a adopción de medidas para previr os asolagamentos

Vázquez Mourelle destaca que onte os técnicos traballaron na zona do río Vimianzo, retirando ás árbores e maleza e hoxe as actuacións estanse a centrar no río Carnés, onde se rexistra maior presenza de obstáculos na canle

Explica que a Xunta, en canto coñeceu o acontecido, mobilizou medios para avaliar os danos, realizando inspeccións en 90 puntos, e planificar unha áxil reparación

Avanza que nas vindeiras semanas tamén se realizarán labores de limpeza das canles e retirada de maleza e pólas retidas nos ríos naquelas zonas de Muxía e Camariñas que os técnicos de Augas de Galicia teñen identificado

Subliña que de xeito paralelo e de cara a lograr unha maior efectividade, a Xunta informou aos concellos das actuacións de limpeza que se consideran necesarias nos treitos urbanos dos ríos, que son de competencia municipal

Lembra que o Executivo autonómico vén ofrecendo facilidades para acometer labores de limpeza e conservación nos leitos dos ríos, a través da presentación dunha declaración responsable, que simplifica as actuacións menores nas canles

  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou os traballos que está a executar a Xunta para paliar os danos das enchentes rexistradas o 24 de novembro en ríos da Costa da Morte
  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou os traballos que está a executar a Xunta para paliar os danos das enchentes rexistradas o 24 de novembro en ríos da Costa da Morte

Vimianzo (A Coruña), 12 de decembro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe os traballos que está a executar a Xunta para paliar os danos dos asolagamentos do 24 de novembro na Costa da Morte, onde reiterou a necesidade de analizar desde unha perspectiva global entre todas as administracións a adopción de medidas para evitar estas situacións.

Vázquez Mourelle, acompañada por representantes municipais de Vimianzo, Muxía e Camariñas, explicou que o Goberno galego, en canto coñeceu o acontecido, mobilizou os medios de Augas de Galicia e tamén de conservación de estradas para avaliar o alcance dos danos e planificar canto antes a súa reparación.

Os técnicos de Augas de Galicia realizaron inspeccións en 90 puntos destes concellos que sufriron as consecuencias das enchentes que se rexistraron ese día en varios ríos da zona.

Estas inspeccións permitiron programar as actuacións que comezaron esta semana. Así, onte os técnicos traballaron na zona do río Vimianzo, augas arriba, retirando ás árbores e a maleza que foi arrastrada polas intensas choivas e hoxe as actuacións estanse a centrar no río Carnés, onde se rexistra maior presenza de obstáculos na canle.

A titular de Infraestruturas avanzou que nas vindeiras semanas tamén se realizarán labores de limpeza das canles e retirada de maleza e pólas retidas nos ríos naquelas zonas de Muxía e Camariñas que os técnicos de Augas de Galicia teñen identificado.

Subliñou que de xeito paralelo e de cara a lograr unha maior efectividade, a Xunta informou aos concellos das actuacións de limpeza que se consideran necesarias nos treitos urbanos dos ríos, que son de competencia municipal.

Lembrou que o Executivo autonómico vén ofrecendo facilidades para acometer labores de limpeza e conservación nos leitos dos ríos, a través da presentación dunha declaración responsable, que simplifica e favorece as actuacións menores nas canles fluviais.