Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia participa no proxecto para fortalecer a capacidade de xestión dos recursos hídricos de sete municipios de Honduras

Esta semana estiveron na sede de Augas en Santiago os rexedores municipais de San Lorenzo, Amapala, Nacaome, Marcovia, Goascorán, Namasigüe e El Triunfo, concellos costeiros que integran a mancomunidade Nasmar

O proxecto busca ampliar o acceso á auga potable e ao saneamento da poboación deste municipios, que suman 210.000 habitantes, e onde preto do 70% carecen de traída de auga en condicións axeitadas

Augas participa xunto con outras administracións responsables da xestión da auga en Galicia na xira formativa dirixida ao persoal técnico hondureño, e que estes días están a desenvolver por toda Galicia

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2018.- Augas de Galicia participa na xira que sete municipios de Honduras están a desenvolver en Galicia, no marco dun proxecto de cooperación para fortalecer a capacidade de xestión dos seus recursos  hídricos. Este proxecto no que colabora a entidade adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está financiado por Cooperación Galega da Xunta e é promovido pola oenegué Enxeñería sen Fronteiras Galicia.

A directora da entidade, Teresa Gutiérrez, reunise esta semana en Santiago cos alcaldes de San Lorenzo, Amapala, Nacaome, Marcovia, Goascorán, Namasigüe e El Triunfo, concellos costeiros que integran a mancomunidade Nasmar, no Golfo de Fonseca.

Este encontro con Augas de Galicia persegue o intercambio de experiencias entorno ao modelo de xestión da auga deste municipios, que suman 210.000 habitantes, e nos que aproximadamente o 70% non dispoñen dunha traída de auga en condicións axeitadas.

Na reunión, Augas de Galicia abundou cos responsables municipais destes municipios nos principios das políticas europeas da auga, na importancia da xestión por conca hidrolóxica e nos problemas comúns a ambas realidades en canto ao reto dunha xestión dos servizos urbanos da auga sostible e eficaz.

O obxectivo do proxecto é ampliar o acceso á auga potable e ao saneamento da poboación rural, como dereito humano básico, mediante unha xestión integrada que contemple enfoques de transparencia e participación cidadá, entre outros.

Para conseguilo, estanse a levar a cabo diversas accións a fin de fortalecer as capacidades municipais neste eido, comezando por formar ao persoal no manexo de programas onde integrar os datos e realizar a planificación hídrica, para o que tamén se lles dotará de equipamentos informáticos.

Deste xeito a colaboración de Augas de Galicia ten por obxectivo establecer as bases dun desenvolvemento baseado no uso sostible dos recursos hídricos, que con tan bos resultados se está a implantar na Unión Europea na última década.

A participación de Augas de Galicia neste proxecto de cooperación complementase cun programa formativo que está a desenvolver o persoal técnico da Mancomunidade Nasmar en Galicia, dende fai unhas semanas.