Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta reitera a necesidade urxente de definir un proxecto viable para renovar o sistema de saneamento de Santiago de Compostela e mellorar a calidade das augas do río Sar

O Ministerio para a Transición Ecolóxica trasladou onte que a proposta do Concello de Compostela de ampliar a actual depuradora da Silvouta carece aínda dos avais técnicos necesarios

A Xunta sinala a incerteza que rodea esa proposta fronte á opción da construción da depuradora no Souto, sinalada como idónea no estudo de alternativas, co trámite ambiental superado e cun anteproxecto que permitiría licitar xa as obras

O Goberno galego e o Ministerio coincidiron na necesidade de celebrar un encontro a tres bandas co goberno municipal para desbloquear a situación

O Ministerio confirmou que o rexeitamento municipal ao proxecto previsto da nova depuradora do Souto supón un retraso que pon en risco os fondos europeos consignados á actuación e complica o seu financiamento

A Xunta confirma o seu compromiso de colaborar economicamente coas obras de mellora do saneamento no actual período de fondos europeos e urxe a que se peche un proxecto tecnicamente viable

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2018.- A Xunta reitera a necesidade urxente de definir un proxecto viable que permita renovar o sistema de saneamento de Santiago de Compostela e mellorar así a calidade das augas do río Sar.

Así o trasladou o Goberno galego na xuntanza que onte mantivo no Ministerio para a Transición Ecolóxica.

No encontro, o Ministerio informou de que a proposta do Concello de Santiago de ampliar a actual depuradora da Silvouta carece aínda dos avais técnicos necesarios e, polo tanto, non está confirmada a súa viabilidade.

Ante esta situación, e tendo en conta a preocupación do Goberno galego pola falta de avances na necesaria mellora deste sistema de saneamento, a Xunta e o Ministerio coincidiron na necesidade de celebrar o antes posible un encontro a tres bandas co goberno municipal de Santiago coa fin de clarificar e desbloquear a situación.

A de ampliación da depuradora da Silvouta está pois, rodeada de incerteza, o que contrasta coa opción de construción dunha nova instalación no Souto, sinalada como idónea no estudo de alternativas, co trámite ambiental superado e cun anteproxecto que permitiría licitar xa as obras.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica confirmou que a decisión municipal de desbotar o proxecto previsto e avanzado para a construción dunha nova estación depuradora no Souto leva aparellado un importante retraso na mellora do saneamento. A necesidade de definir un novo proxecto, en consecuencia, pon en risco a execución nos prazos establecidos dos fondos europeos consignados a esta actuación, complicando así o seu financiamento.

A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso de cofinanciamento das obras de mellora do sistema de saneamento de Santiago de Compostela dentro do actual prazo de fondos europeos e urxe a que se peche unha alternativa que constitúa un proxecto tecnicamente viable.