Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta salienta que a cantidade de auga actualmente encorada en Vigo non xustifica unha medida extraordinaria como a redución do caudal ecolóxico e insta ao concello a actuar con urxencia na ETAP para solucionar os problemas de calidade

Teresa Gutiérrez explica que á actuación na potabilizadora cómpre sumar outras medidas estruturais que mañá abordará a conselleira Ethel Vázquez co secretario de Estado de Medio Ambiente e o alcalde de Vigo e para as que se solicitará a declaración de obras de Interese Xeral do Estado

Sinala que a potabilizadora supón un problema incluso cando hai auga, do que é consciente a Administración local, que o ten plasmado nos seus escritos desde o ano 2011 e antes

Indica que os estudos de técnicos especialistas en materia hidráulica amosan que o transvase no río Verdugo fallaría no 95% dos anos

Explica que a capacidade dos encoros de Eiras e Zamáns están por riba do 60% e o 57% fronte ao 49 e 44% de hai un ano, co que a garantía de abastecemento é alta, aínda que se debe de estar vixiantes

Salienta a importancia do caudal ecolóxico como medio para garantir o bo estado dos ecosistemas acuáticos do río e convida ao Concello a participar no proceso de revisión dos valores establecidos, especialmente para o río Oitavén, no marco da actualización do Plan hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa

Vigo, 25 de outubro de 2018.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, salientou hoxe nunha rolda de prensa que a cantidade de auga actualmente encorada en Vigo non xustifica unha medida extraordinaria como a redución do caudal ecolóxico e insta ao Concello a actual con urxencia na ETAP para solucionar os problemas de calidade.
Teresa Gutiérrez indicou que o Goberno galego lle trasladou hoxe ao Concello de Vigo esta postura, no marco das medidas para garantir o abastecemento de auga na cidade e os 11 municipios do seu contorno.

Sinalou que o sistema de abastecemento de auga desta comarca ten severas deficiencias que cómpre solucionar mediante medidas estruturais para evitar que se repita o risco de desabastecemento.

Transvase do río Verdugo

Tamén referiuse a que o transvase do río Verdugo deixou de ser unha obra de emerxencia, e que os estudos de técnicos especialistas na materia hidráulica amosan que o transvase no río Verdugo fallaría no 95% dos anos. Con independencia, dixo, de que non existe o consenso necesario entre os concellos e que o Concello de Vigo non achegou o respaldo orzamentario comprometido para executar a obra do río Verdugo.

A directora de Augas de Galicia lembrou que a Xunta, cando houbo problemas conxunturais e unha situación extraordinaria, foi a primeira en querer colaborar na solución con medidas urxentes. Non obstante, puntualizou que actualmente a situación non é extraordinaria, polo que é preciso mellorar a potabilizadora para poder aproveitar moita más auga en condicións de salubridade, actuación de importancia que coñece o Concello de Vigo tal e como o ten plasmado nos seus propios escritos desde o ano 2011 e antes.

Segundo indicou, a esta actuación na planta potabilizadora de Vigo hai que sumar outras medidas necesarias para incrementar a garantía de abastecemento, e adiantou que mañá se abordarán na xuntanza da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co secretario de Estado de Medio Ambiente e o alcalde de Vigo.

Subliñou que no encontro de mañá a conselleira tamén lle solicitará ao secretario de Estado a declaración do abastecemento de Vigo como Obra de Interese Xeral do Estado.

Gutiérrez amosou as diferencias entre a situación actual e a vivida en Galicia entre 2016-2017, que derivou na declaración de alerta por seca no mes de decembro pasado. Precisou que cando o encoro de Eiras estaba ao 38% da capacidade, é dicir, tiña auga para 55 días, a poboación xa non a podía consumir porque a ETAP non era capaz de tratala, e xa nese momento se insistiu na necesidade de actuar tamén na potabilizadora para que Vigo non tivese un problema tamén cando hai auga.

Na actualidade, subliñou, a situación é moito máis favorable, xa que o encoro de Eiras hai un ano estaba a estas alturas a un 49% da súa capacidade e agora está por riba do 60%, e o de Zamáns, que estaba ao 44%, está ao 57%.

Segundo indicou a directora, con estes niveis de ocupación a garantía de abastecemento é alta, pero hai que estar vixiantes e observar a evolución das precipitacións nas vindeiras semanas e a situación dos encoros, que agora mesmo nin está en prealerta.

Salientou a importancia do caudal ecolóxico como medio para garantir o bo estado dos ecosistemas acuáticos do río e convidou ao Concello a participar no proceso de revisión dos valores establecidos, especialmente para o río Oitavén, no marco da actualización do Plan hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa.