Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta lembra o investimento de 100 millóns de euros no saneamento da ría do Burgo e empraza ao Goberno central a asumir a súa responsabilidade co dragado

O Goberno galego cumpriu a súas obrigas de mellorar das augas da ría executando en colaboración cos concellos o Plan de saneamento local

O anterior Goberno de España estaba comprometido coa actuación e así o reflectiu nos Orzamentos Xerais do Estado deste ano, que deben executarse
 

A Coruña, 17 de outubro de 2018.- A Xunta de Galicia lembra o investimento de 100 millóns de euros no saneamento da ría do Burgo e empraza ao Goberno de España a asumir a súa responsabilidade de executar o dragado. O Executivo autonómico asumiu e cumpriu as súas obrigas de mellorar as augas da ría, especialmente mediante a execución desde o ano 2011 do Plan de saneamento local da ría.

O dragado pendente é unha actuación de rexeneración do litoral, de competencia estatal, e como tal foi planificado, deseñado e tramitado pola Administración xeral do Estado.

O anterior Goberno de España demostrou o seu compromiso coa actuación, mediante a elaboración do proxecto de dragado, que someteu a tramitación ambiental, e reflectiu ese compromiso nos Orzamentos Xerais do Estado, que están vixentes e deben executarse.

A Xunta lamenta que o delegado do Goberno en Galicia intente agora trasladarlle a responsabilidade sobre a falta de avances dun proxecto necesario agardado por todos os actores afectados pola situación da ría do Burgo, cando a Administración autonómica vén traballando arreo pola mellora da calidade desas augas.

Recentemente concluiron e se entregaron ao Concello de Oleiros as obras do tanque de tormentas de Santa Cruz, e se atopan en execución as últimas obras do Plan de saneamento local, os bombeos do Temple e a Pasaxe. Ambas actuacións suman un investimento superior aos 6 millóns de euros.