Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta solicita no Consello Nacional da Auga a declaración do abastecemento a Vigo actuación de Interese Xeral do Estado para garantir financiamento e igualdade de trato con outras cidades

Vázquez Mourelle lembra a necesidade de que o Concello de Vigo mellore a curto prazo a capacidade de tratamento da súa planta potabilizadora para o que a Xunta ofrece o seu apoio

Subliña que para garantir o abastecemento a medio e longo prazo deste área son necesarias obras de gran magnitude, e a declaración de interese xeral do Estado abre máis posibilidades de financiamento

Lembra que esta petición busca para Vigo o que xa tiveron as cidades de Ourense, Lugo e Pontevedra, cuxos abastecementos foron declarados como tales

Traslada que o Goberno galego actualizará en 2019 o plan especial de seca da demarcación Galicia-Costa tendo en conta os novos condicionantes do cambio climático

Destaca o traballo en marcha para a prevención de inundacións, con especial atención ás zonas de maior risco e a previsión de reforzar os esforzos na nova planificación
 

  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou esta tarde en Madrid na xuntanza da XXXIII sesión plenaria do Consello Nacional da Auga

Madrid, 16 de outubro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou esta tarde en Madrid na xuntanza da XXXIII sesión plenaria do Consello Nacional da Auga, onde solicitou a declaración como actuación de interese xeral do Estado das obras necesarias para garantir o abastecemento na área de Vigo.

Entre os asuntos tratados na xuntanza de hoxe estiveron os plans especiais de seca e de prevención das inundacións, cuestións de máximo interese para a Xunta de Galicia, dado o actual contexto de cambio climatico.

Por parte do Goberno galego trasladouse que tamén está avanzando na nova planificación hidrolóxica na demarcación Galicia-Costa, e nas medidas para garantir o abastecemento da poboación en situación de ausencia prolongada de precipitacións como a que se viviu na comunidade autónoma entre 2016 e 2017

Neste punto a conselleira incidiu na especial preocupación da Comunidade polos problemas evidenciados pola seca para garantir o abastecemento de Vigo e os municipios do seu contorno.

Ante a posibilidade de que esta situación volva a repetirse, o Goberno galego considera necesario adoptar medidas preventivas de calado, solicitándolle ao Goberno de España a declaración de Interese Xeral do Estado para as obras que garantan o abastecemento de Vigo.

Vázquez Mourelle lembrou que no curto prazo é urxente que o Concello de Vigo mellore a capacidade de tratamento da planta potabilizadora, para o que a Xunta xa ofreceu o seu apoio. Pero, engadiu que, para obter garantías de abastecemento a medio e longo prazo son necesarias obras de gran magnitude que coa declaración de Interese Xeral do Estado terá máis posibilidades de financiamento.

É unha solicitude, explicou, que busca para Vigo o que xa tiveron cidades como Ourense, Lugo e Pontevedra, cuxos abastecementos foron declarados de Interese Xeral do Estado.

O Consello Nacional da Auga é un gran foro do que forman parte a Administración xeral do Estado, as comunidades autónomas, os entes locais e os organismos de cuenca, ademais de organizacións profesionais e económicas relacionadas coa auga, así como entidades empresariais e sindicais do sector e grupos ecoloxistas.

Neste foro, o Goberno galego tamén deu conta de que en 2019 revisará o plan especial de seca da demarcación Galicia-Costa tendo en conta os novos condicionantes do cambio climático.

Así mesmo, lembrou o traballo en marcha para a prevención de inundacións, con especial atención ás zonas de maior risco e a previsión de reforzar os esforzos na nova planificación.