CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Medio Ambiente desenvolverá un proxecto piloto en cinco Edar galegas para optimizar a súa eficiencia enerxética

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, presentou esta mañá en Ares os primeiros resultados de Aqualitrans, un proxecto de cooperación entre Galicia e Portugal para reducir os consumos de enerxía e asegurar a calidade das augas

O obxectivo da iniciativa é desenvolver un modelo enerxético eficiente e sustentable para as EDAR, que contribuirá a camiñar cara a unha economía circular e beneficiará a xestores e operadores, así como ao conxunto da sociedade
 

Ares (A Coruña), 26 de setembro de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio desenvolverá en 5 estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Galicia un proxecto piloto co fin de mellorar a eficiencia enerxética destas instalacións. Así o avanzou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, durante a xornada de presentación de resultados de Aqualitrans, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza Galicia-Portugal para asegurar a calidade da auga tratada, reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2, e os problemas durante os procesos.

Na primeira fase deste proxecto, que foi executada ao longo do último ano, os participantes centráronse en elaborar un estudo de investigación sobre o consumo enerxético en 20 EDAR de Galicia e do norte de Portugal. No caso concreto da comunidade, as instalacións que se someteron a unha auditoría no marco de Aqualitrans foron as situadas nos municipios de A Pobra, Ares, Cedeira e Ortigueira (provincia da Coruña); Ribadeo (Lugo); Nigrán, Gondomar, Arcade, Vilaboa e Tomiño (Pontevedra).

Esta fase de análise teórica serviu de base para decidir e propoñer as medidas de optimización enerxética que se aplicarán agora a modo de experiencia piloto en 5 EDAR galegas e una portuguesa seleccionadas co obxectivo común de reducir o consumo enerxético. As instalacións nas que a partir de agora poranse en práctica proxectos concretos de mellora e sustentabilidade enerxética son as de A Pobra do Caramiñal, Cedeira, Nigrán, Gondomar e Ares, no caso galego; e a ETAR de Sobreiras, en Portugal. O orzamento global destes seis proxectos de mellora enerxética ascende a 188.913 euros.

Neste senso, Roberto Rodríguez subliñou a importancia dos proxectos de innovación e cooperación transfronteiriza porque axudan a unir talentos e sumar esforzos, neste caso cocnreto, para a optimización dos sistemas de xestión e control dos procesos de depuración nas EDAR co fin de acadar un modelo enerxético eficiente e sustentable, que contribúa a camiñar cara a unha economía circular.

De feito, a optimización dos consumos enerxéticos na loita contra o cambio climático é unha das prioridades fixadas na Estratexia europea 2020 que, entre outras medidas, persigue o incremento nun 20 por cento da eficiencia enerxética.

Aqualitrans

O proxecto Aqualitrans está liderado por Augas de Galicia e conta coa participación de prestixiosas institucións galegas e portuguesas como o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI).

Cun orzamento total de 954.000 euros, cofinanciados por fondos FEDER e por Augas de Galicia, que achega en total 137.000 euros, Aqualitrans beneficiará directamente aos xestores e operadores das Edar, a todos os axentes da cadea de valor vinculados aos procesos de depuración de augas residuais (administracións, técnicos, xestores, operadores, fabricantes, deseñadores...) e tamén ao conxunto da sociedade.

Esta iniciativa ten como principal obxectivo lograr un uso máis eficiente dos recursos naturais nun proceso tan imprescindible para a poboación como é o tratamento das augas residuais. Neste sentido, cómpre lembrar que en Galicia hai 160 depuradoras que dan servizo a poboacións de máis de 2.000 habitantes equivalentes.