Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia reitera que o encoro da Baxe está libre de toxina e a auga é apta para o consumo

O director de Augas de Galicia mantivo unha reunión co alcalde de Caldas de Reis para abordar a situación do encoro da Baxe, e ofreceu datos sobre as mostras realizadas para o seguimento da proliferación de cianobacterias neste embalse

Os últimos datos indican que a situación non se considera alarmante, xa que as 16 mil células/ml detectadas distan dos 20 millóns de cel/ml, acadados nos anos de maior proliferación

Roberto Rodríguez Martínez recordou que a Xunta leva anos actuando para mellorar a situación deste embalse e reducir a presenza de verteduras e nutrientes que son o foco principal da proliferación deste organismo
 

Santiago, 25 de setembro de 2018.- O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, reiterou esta tarde que o encoro da Baxe está libre de toxina (microcystina), a pesar da presenza de algas e da coloración das augas. Así o manifestou esta tarde durante a reunión co alcalde de caldas de Reis e outros membros da corporación municipal, para abordar a situación do encoro da Baxe, na que lle garantiu que a auga é apta para o consumo.

O director de Augas de Galicia sinalou que os últimos datos dos que se dispoñen, amosan que a situación no encoro mantense estable sen poder considerarse alarmante. Trasladou que as mostras detectaron a presenza de 16.000 cel/ml no encoro á altura da presa e 200.000 cel/ml na cola, valores que distan dos 20.000.000 cel/ml acadados nos anos de maior proliferación, e que motivaron o desenvolvemento de unha gran batería de medidas no encoro.

É dicir, non se detecta toxina asociada a estes tipo de eventos neste encoro; polo que a auga tamén é apta para o consumo. Ademais, recordou que as potabilizadoras dos núcleos de poboación, situadas augas abaixo da presa, son capaces de eliminar tanto as cianobacterias como a toxina, si se chegara a dar, matizou.

O director de Augas de Galicia trasladou aos asistentes a necesidade de non xerar alarmas ao redor desta cuestión, sobre todo tendo en conta que o protocolo de seguimento para estes casos establece uns controis rigorosos, que son unha clara e evidente garantía de seguridade na calidade da auga para o consumo.

Lembrou que precisamente para que a proliferación de cianobacterias non afecte ao servizo de augas de Caldas, Augas de Galicia executou unha mellora na captación de Segade (Caldas de Reis) que permite a captación prefiltrada, así como unha ampliación dos depósitos. Estas dúas actuacións aumentaron considerablemente a garantía de abastecemento á poboación, incluso co peor dos escenarios como o rexistrado fai xa máis de seis anos, cando se acadaron os 20.000.000 cel/ml.

O director de Augas de Galicia explicou que a proliferación destes organismos débese principalmente a dúas causas: o aporte de nutrientes, como o nitróxeno e o fósforo, e unhas circunstancias ambientais propicias -”sobre as que Auga de Galicia non pode intervir ou influír”, matizou, como as altas temperaturas, ausencia de vento, insolación elevada e estabilidade na columna de auga, este último factor é clave para o desenvolvemento deste tipo de organismo.

Roberto Rodríguez explicou que unha vez que se produce o crecemento das cianobacterias, estas tenden a acumularse nos primeiros metros da columna de auga, onde reciben luz e nutrientes, que reciben a través dos distintos tipos de vertidos.

Neste sentido, para reducir a contaminación industrial na zona, Augas de Galicia estableceu controis para evitar os vertidos industriais que en ocasións poden ocasionar un aporte de nutrientes importantes ao encoro, por verteduras principalmente do sector lácteo.

Asemade para reducir os vertidos de orixe doméstico, destacou a realización de obras de mellora da depuración en núcleos próximos ao encoro, como o núcleo de Moraña, e de saneamento noutros puntos de Caldas de Reis.

Por último, expuxo que outra contaminación que facilita nutrientes a este tipo de organismos son a agrogandeira, a máis difícil de detectar e eliminar, xa que depende dos bos hábitos no uso de fertilizantes agrarios e, engadiu, que Augas de Galicia está tramitar un proxecto para a mellora do bosque de ribeira augas arriba do encoro de Caldas, de xeito que sirvan de barreiras contra a chegada desa contaminación difusa aos ríos.