CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Díaz Mouteira comproba as obras de acondicionamento dos accesos ao núcleo de podentes, no concello ourensán da Bola

A delegada territorial da Xunta destacou os 107.000 euros que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinou a esta obra co fin de mellorar as infraestruturas viarias do municipio

O proxecto executouse ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello
 

A Bola (Ourense), 19 de setembro de 2018.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o concello da Bola co obxectivo de comprobar as obras de acondicionamento do acceso ao núcleo de Podentes realizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Díaz Mouteira estivo acompañado da alcaldesa da localidade, Teresa Barge e da xefa territorial do departamento autonómico, Victoria Núñez.

Os traballos foron realizados ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello da Bola por un importe de máis de 107.000 euros.

A delegada territorial indicou que o valor destas actuación non só reside no investimento realizado, senón que tamén son importante os obxectivos que se acadan, como mellorar as condicións urbanas e as comunicacións veciñais poñendo en valor os accesos ao núcleo de Podentes, que tiñan un pavimento moi deteriorado e carecía de infraestruturas subterráneas necesarias. Podentes é o núcleo máis importante desta localidade, xa que nel se concentran os servizos sanitarios, os de atención á terceira idade e a maior parte do tecido comercial.

Unha vez rematadas as obras, o camiño conta con nova pavimentación e co soterramento das liñas de subministración eléctrica e de telecomunicacións, así como dunha nova rede de saneamento e abastecemento de auga potable. Ademais, a actuación inclúe melloras substanciais para persoas con mobilidade reducida.

Marisol Díaz sinalou que con este tipo de convenios a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pretende fomentar un adecuado desenvolvemento urbanístico das vilas, con actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.