Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

O labor inspector de Augas de Galicia detecta e elimina dous vertidos contaminantes na comarca de Ferrolterra

Un dos focos tiña a súa orixe nunha fosa séptica dun centro médico de Monfero que filtraba augas residuais a un terreo próximo ao rego do Eixo

O segundo punto de vertido procedía dun pozo danado dun colector municipal, o cal estaba a producir achegas contaminantes ao río Belelle, no concello de Neda

Os concellos de Neda e Monfero, respectivamente, executaron as actuacións necesarias para corrixir a situación e emendar os vertidos
 

Santiago, 30 de agosto de 2018.- O labor inspector de Augas de Galicia permitiu acabar este verán con dous vertidos de augas residuais nos concellos de Monfero e Neda, na comarca de Ferrolterra. En ambos casos a orixe do problema era unha mala ou inexistente conexión coa rede municipal de saneamento, o que estaba a provocar que as achegas contaminantes alcanzaran a ría de Ares-Betanzos e a desembocadura da ría de Ferrol.

Concretamente, o primeiro dos focos estaba localizado no lugar de Rebordelo, en Monfero, e tiña a súa orixe nunha fosa séptica que recibía augas residuais procedentes dun centro médico e as infiltraba no terreo nas proximidades do rego do Eixo, na bacía da ría de Ares-Betanzos.

No transcurso dunha inspección á rede fluvial no marco do Plan de Control de Vertidos, os técnicos de Augas identificaron o foco, que non reunía as condicións axeitadas de deseño e depuración nin tampouco tiña a preceptiva autorización administrativa para vertido.

Tras facer unha visita á zona acompañados por responsables municipais, o Concello de Monfero comprometeuse a emendar o vertido mediante a conexión deste punto coa rede de augas residuais con destino á EDAR das Travesas, unha estación depuradora para 500 habitantes equivalentes que conta con autorización de vertido e reúne as condicións para acadar a calidade de depuración esixida.

En canto ao punto de vertido localizado no concello de Neda, persoal de Augas de Galicia identificou nunha inspección danos estruturais nun pozo dun colector da rede municipal de augas residuais con destino na EDAR de Neda, a través do cal producíanse filtracións directas ao río Belelle, nunha zona próxima á súa desembocadura na ría de Ferrol.

Tras detectar esta incidencia, os técnicos do Plan de Control de Vertidos efectuaron unha nova inspección acompañados por representantes municipais e logo de varias visitas de seguimento, o Concello de Neda remitiu un escrito a Augas de Galicia notificando as actuacións executadas co fin de reparar a base do pozo danado.

En ambos casos, a intervención de Augas de Galicia foi determinante para que os puntos de vertido fosen emendados con rapidez e eficacia a través de diversas actuacións correctivas. Así o constataron os técnicos do organismo de conca en recentes inspeccións, nas que puideron corroborar in situ a desaparación dos aportes contaminantes tanto ao rego do Eixo como ao río Belelle.

Cómpre lembrar que a detección e posterior eliminación destes dous focos contaminantes foi posible grazas ás tarefas de inspección realizadas por Augas de Galicia no marco do Plan de Control de Vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles nas redes municipais de saneamento.