CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

O labor inspector de Augas de Galicia permite localizar e emendar dous puntos de vertido no concello de Rianxo

O problema tiña a súa orixe en vivendas particulares próximas que estaban conectadas de forma irregular á rede de canalización de augas pluviais

Santiago, 21 de agosto de 2018.- Técnicos de Augas de Galicia veñen de verificar a eliminación de dous puntos de vertido de orixe doméstica dentro do termo municipal de Rianxo (A Coruña). No transcurso dunha inspección rutineira, o persoal do Plan de Control de Vertidos detectou emisións contaminantes no lugar de A Pedreira-Leiro e tamén nun punto do paseo marítimo, concretamente ao final da rúa Rinlo.

Ambos focos contaminantes, tal e como puideron comprobar os inspectores, tiñan a súa orixe en vivendas próximas, que estaban a conectar e a desaloxar as súas augas domésticas directamente a través de dúas redes de pluviais.

Tras poñer estes feitos en coñecemento do Concello de Rianxo, os propietarios foron requiridos por parte do executivo local a conectarse á rede municipal de saneamento. Nunha recente visita á zona por parte do persoal de Augas de Galicia constatouse que a situación fóra corrixida e as emisións contaminantes cesaran, logo de que os titulares dos inmobles executaran pola súa conta as acometidas dos seus domicilios.

Cómpre lembrar que a detección e posterior eliminación destes dous focos contaminantes en Rianxo foi posible grazas ás tarefas de inspección realizadas por Augas de Galicia no marco do Plan de Control de Vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles localizados nas redes municipais de saneamento.