Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta achega ao Concello da Pontenova 15.000 euros para introducir melloras na estación depuradora

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que o Goberno galego financia integramente a actuación a través do Fondo de Compensación Ambiental

A Pontenova (Lugo), 16 de agosto de 2018.- A Xunta de Galicia achega ao concello da Pontenova preto de 15.000 euros para a mellora da estación depuradora de augas residuais. O orzamento servirá para substituír diversos elementos que se foron deteriorando polo paso do tempo por outros máis modernos que permitirán optimizar o funcionamento da planta.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, indicou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financia integramente esta actuación. Neste sentido, subliñou que o Goberno galego “continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos concellos galegos con subvencións directas procedentes do Fondo de Compensación Ambiental que o Goberno galego creou no 2010”.

Balseiro incidiu no esforzo que realiza a Xunta por potenciar o medio rural “perseguindo un desenvolvemento equilibrado no que todos os veciños e veciñas disfruten das mesmas dotacións e dun entorno axeitado para vivir e para traballar”.

As axudas da liña non competitiva do Fondo de Compensación distribúense entre os concellos que teñen no seu territorio municipal un parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación, en función de criterios obxectivos como o número de aeroxeneradores. Están destinadas a financiar actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial.