Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos de catro ríos ao seu paso polos concellos de Ribadumia, de Cambados e de Vilanova de Arousa

Os traballos estanse a desenvolver no río Umia, no rego do Sisto, no rego de Lobeira e nun río innominado, nos seus percorridos polas distintas parroquias destes tres municipios da comarca do Salnés

Os treitos obxecto das intervencións acadan unha lonxitude de case 7,2 quilómetros

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Umia, o rego do Sisto, o rego de Lobeira, e un río innominado, ao seu paso polos concellos de Ribadumia, de Cambados e de Vilanova de Arousa. 

Estas intervencións estanse a desenvolver nos percorridos destes ríos ao seu paso por distintas parroquias destes tres municipios da comarca do Salnés.

As actuacións desenvólvense ao longo de treitos que suman unha lonxitude total que rolda os 7,2 quilómetros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de competencia autonómica.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.