O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno de Augas de Galicia. Está integrado por representantes da Xunta de Galicia, da Administración Xeral do Estado, das entidades locais e das persoas usuarias da auga. A súa presidencia correspóndelle á presidencia de Augas de Galicia e a vicepresidencia á dirección da entidade.
Composición:
O Consello Reitor de Augas de Galicia está composto por 26 persoas:
Once representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, propostos polas consellerías seguintes:
- Cinco son propostos pola consellería competente en materia de augas.
- Un é proposto polas consellerías competentes en materia de administracións públicas, facenda, industria, sanidade, desenvolvemento rural e pesca.
Tres vogais representantes das entidades locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, dos cales un deberá ser, chegado o caso da súa creación, proposto polas áreas metropolitanas que se creen.
Oito vogais representantes dos usuarios: dous polos usos domésticos da auga, correspondendo a proposta dun deles ás entidades subministradoras e doutro ás comunidades de usuarios e autoabastecemento, dous polos usuarios agrícolas e gandeiros, dous polos usos industriais e dous en representación dos aproveitamentos hidroeléctricos.
Un vogal en representación das asociacións non gobernamentais de carácter ambiental máis representativas de Galicia.
E un/unha representante da Administración Xeral do Estado
Competencias:
Ao Consello Reitor de Augas de Galicia correspóndelle:
- Aprobar e elevarlle ao Consello da Xunta, a través da consellaría competente en materia de augas, a proposta de planificación hidrolóxica da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e as súas revisións.
- Aprobar o anteproxecto de orzamento de ingresos e gastos para a súa elevación á consellaría competente en materia de augas e a súa incorporación no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, de conformidade co procedemento establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
- Exercer a potestade sancionadora das infraccións cualificadas como moi graves.
- Aprobar o balance e outros documentos que resulten da aplicación da normativa contable.
- Adoptar, legal ou regulamentariamente como corresponda, os acordos relativos a actos de disposición sobre bens do patrimonio de Augas de Galicia, así como emitir informe e propoñer os actos de desafectación dos bens de dominio público hidráulico; todo iso dentro do que determine a lexislación de patrimonio aplicable.