CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia realizou traballos de mantemento e conservación das marxes dos ríos San Pedro e Valiñas, en Oleiros e Cambre, respectivamente

As tarefas consistiron na retirada de árbores e polas caídas á canle, así como a limpeza dos restos de vexetais e de madeira morta cun custe duns 6.500 euros

Esta actuación realizouse nun treito de 660 metros, no caso do río San Pedro, en Oleiros, e de rozas puntuais no Río Valiñas, en Cambre
 

Santiago, 28 de febreiro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, executou os traballos de mantemento e conservación das marxes dos ríos San Pedro, en Oleiros, e Valiñas, en Cambre. Esta actuación consistiu na retirada de árbores e polas caídas sobre a canle, así como a limpeza de restos vexetais e madeira morta, a roza selectiva de treitos e o apeo dun ameneiro que ameazaba con caer sobre unha construción lindeira, concretamente, no caso do río San Pedro, en Oleiros.

Os traballos, que foron realizados durante este mes de febreiro, tiveron un custe total de 6.442 euros repartidos en 4.269 euros en San Pedro e 2.173 en Valiñas. No primeiro caso, actuouse nun treito de 660 metros, mentres que no río Valiñas realizáronse rozas de forma puntual.

Con esta actuación, Augas de Galicia pretende mellorar os espazos de dominio público, as zonas de acceso e a protección das marxes dos ríos nas bacías da conca Galicia-Costa. A importancia destes traballos radica na prevención, mantemento e conservación dos espazos naturais de ribeira co fin de garantir o equilibrio dos ecosistemas e a calidade dos recursos hídricos de Galicia.