CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Medio Ambiente e Fegamp acordan clarificar os criterios de investimentos e a participación das administracións na execución de infraestruturas hidráulicas

A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias mantiveron un encontro no que manifestaron a súa coincidencia no obxectivo para mellorar a xestión do ciclo integral da auga

Mato Otero indicou que establecer un réxime tarifario axeitado e harmonizado é un reto para o Goberno en beneficio dos cidadáns, ao tempo que se da cumprimento a unha directiva comunitaria

En materia de xestión de residuos, ambos mandatarios destacaron a importancia de impulsar infraestruturas que ofrezan servizos a concellos próximos, polo que ambas entidades analizarán a localización de novos puntos limpos

Invita á Fegamp e aos concellos galegos a sumarse ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, para a loita contra o cambio climático e facer da Comunidade galega un referente nesta materia

Beatriz Mato avanza que se está a organizar una xornada para explicarlles aos concellos galegos o contido e alcance do Regulamento da Lei do solo

A conselleira ofrece á Fegamp a colaboración da APLU para o cumprimento da Lei do solo na loita contra o feísmo

  • A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias mantiveron un encontro
  • A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias mantiveron un encontro
  • A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias mantiveron un encontro
  • A conselleira de Medio Ambiente e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias mantiveron un encontro

Santiago, 22 de febreiro de 2017.- A Xunta de Galicia aposta por clarificar os criterios polos que se priorizarán os investimentos necesarios para a execución de infraestruturas hidráulicas, así como a participación das distintas administracións. Este foi un dos acordos aos que chegaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, durante a reunión celebrada esta mañá en Santiago.

Este reto é acorde ao contido do protocolo para o desenvolvemento do Pacto Local para a xestión do ciclo urbano da auga, así como clarificar o réxime tarifario axeitado e harmonizado en función do custe do servizo, como se vai a cumprir a Directiva Marco da Augas, que esixe que este recurso chegue á cidadanía cuns estándares de calidade, así como o reparto de competencias para cada administración sobre a explotación destas infraestruturas.

A conselleira sinalou que se trata de dar un pulo más alá dos traballos técnicos, senón que debe contarse cunha vontade política, que dende a Consellería de Medio Ambiente se brinda. Ambos coincidiron que é unha tarefa de envergadura que pasa pola realización dun traballo laborioso dado que implica analizar as redes hidráulicas da totalidade dos concellos galegos.

No encontro tamén se abordaron a necesidade de que os concellos próximos aproveiten as sinerxías dos servizos, como son os puntos limpos. Así, ambos mandatarios coincidiron na oportunidade que ofrece impulsar infraestruturas que dean servizos a varios municipios e evitar os localismos. Neste senso, a conselleira indicou que para aqueles novos puntos limpos que se constrúan no futuro, terase en conta a valoración da Fegamp para determinar a localización do novo punto limpo.

A conselleira tamén lle recordou que a Xunta mantén na actualidade a liña de axudas para facilitar a adaptación dos puntos limpos municipais ao Real Decreto 110/2015 de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos; unha liña de actuación posta en marcha en 2016 coa sinatura dun convenio en marzo dese ano para a xestión deste tipo de residuos.

Mato Otero destacou que a calidade ambiental tamén foi outro dos puntos que centraron a reunión e salientou o obxectivo do Goberno galego para que Galicia sexa un referente contra o cambio climático. Indicou que neste compromiso tamén debe incorporarse a participación de todos os concellos galegos, polo que os invitou “da man da Fegamp” a sumarse ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía. Grazas a este pacto asumiranse os obxectivos da Unión Europea para 2030 e se adopta un enfoque integral de atenuación do cambio climático e da adaptación a este fenómeno global centrado nos concellos que poden adherirse voluntariamente a esta iniciativa participando na asunción.

Por último, no encontro tamén lle avanzou ao presidente da Fegamp que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio está a organizar unhas xornadas para informar aos concellos do contido do novo regulamento da Lei do solo. Indicou que Galicia conta por primeira vez cun documento deste tipo, con 400 artigos que garanten a planificación, xestión e disciplina dunha materia que marca o futuro da Comunidade, porque a ordenación do territorio incide na economía, afirmou Mato.

En materia de urbanismo tamén destacou o papel da APLU, que na actualidade apoia e colabora con 64 concellos en materia de disciplina urbanística e animou á Fegamp a invitar aos concellos a adherirse a esta entidade, delegando a competencia municipal nos ámbitos rústicos. Esta adhesión ten unha dobre finalidade: protexer o urbanismo e coidar a paisaxe, indicou Mato. Nese senso, comprometeuse a avaliar a posibilidade de que a adhesión a APLU de cobertura á esixencia que establece a Lei do solo de rematar as fachadas, como medidas de protección da paisaxe e que na actualidade, esa potestade é competencia dos concellos.