CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia impulsará en Noia un proxecto piloto con fondos europeos para mellorar a xestión integral do ciclo da auga

Os traballos enmárcanse no programa transfronteirizo Aquamundam, no que participan organismos de Galicia e Portugal co obxectivo de desenvolver unha plataforma tecnolóxica de información para o control e a administración dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración

No marco da mesma iniciativa, as redes de auga de Noia, Ames, Burela e Soutomaior tamén serán analizadas nos próximos meses para obter unha diagnose sobre o seu funcionamento e a calidade do servizo

Santiago, 31 de xullo de 2018.- Augas de Galicia impulsará en Noia unha experiencia piloto co fin de dotar a este municipio dun avanzado sistema de información para acadar unha xestión integrada e máis sostible do ciclo da auga. Noia convértese así no primeiro concello galego que participa no proxecto europeo Aquamundam, que ten como obxectivo a protección medioambiental en espazos transfronteirizos fomentando o uso racional dos recursos hídricos a través da aplicación de metodoloxías e ferramentas tecnolóxicas.

Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, lidera na comunidade este proxecto, financiado polo programa comunitario Interrreg España-Portugal e no que conta como socios co Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Fundación CARTIF, a Confederación Hidrográfica del Duero, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e o Instituto Pedro Nunes de Coímbra.

Concretamente, en Noia está previsto implantar a plataforma tecnolóxica para o control e xestión do abastecemento, o saneamento e a depuración da auga que están a desenvolver todas as entidades implicadas no proxecto Aquamundam. Trátase dun sistema de xestión integrada do ciclo da auga que permitirá, entre outras funcionalidades e vantaxes, unha mellor xestión patrimonial das infraestruturas hidráulicas do concello, a monitorización en tempo real dos datos da rede, o manexo de incidencias no servizo e o seguimento do seu proceso de resolución, ou a análise dos custos e ingresos vinculados ao ciclo da auga.

Como paso previo á implementación deste sistema, tomaranse datos da rede de saneamento e abastecemento municipais que serán dixitalizados para a súa incorporación á nova plataforma de información. Así mesmo, tamén está prevista a instalación de dispositivos para medir en tempo real parámetros relevantes sobre o funcionamento da rede (caudais de auga, niveis, etcétera). Con todos estes datos, a plataforma analizará a información recibida ao tempo que configurará alarmas ante posibles eventos anómalos, o que permitirá acelerar os tempos de resposta en caso de incidencias.

Estudo en profundidade en catro municipios galegos


No marco do proxecto Aquamundam, Augas de Galicia tamén levará a cabo nos vindeiros meses un estudo en profundidade dos sistemas de abastecemento e saneamento dos municipios de Noia, Ames, Burela e Soutomaior. O obxectivo é obter unha diagnose sobre o estado das infraestruturas existentes nestes catro concellos e o servizo que prestan, centrando o estudo, sobre todo, na súa calidade e capacidade, na eficiencia do uso dos recursos financeiros e tendo en conta a súa relación co medio ambiente.

Augas de Galicia asume na comunidade o impulso desta fase do proxecto europeo Aquamundam, que busca solucións para a xestión integrada sostible da agua dentro do espazo transfronteirizo POCTEP. Así, ademais de escoller aos municipios galegos participantes, o organismo de conca tamén será o encargado de impulsar o traballo de campo para desenvolver o proxecto piloto en Noia e realizar as avaliacións sobre o funcionamento do ciclo da auga no resto de concellos galegos seleccionados.