CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Medio Ambiente define o ‘Proxecto Ríos’ como o programa de voluntariado ambiental de referencia en Galicia con 4.500 participantes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a presidenta de Adega asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que se renova este programa de educación e voluntariado posto en marcha no ano 2004

Mato Otero pon en valor o papel desta iniciativa para coñecer e divulgar o papel fundamental dos ríos e as problemáticas ambientais ligadas a estes
 

Santiago, 18 de xullo de 2018.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que o Proxecto Ríos tense convertido na iniciativa de voluntariado ambiental de referencia na Comunidade galega, grazas á participación de 4.500 voluntarios cos que xa conta na actualidade.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a presidenta da Asociación para Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Virxinia Rodríguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a renovación dunha nova edición deste programa de educación e voluntariado, que foi posto en marcha en 2004.

Beatriz Mato destacou que o traballo levado a cabo desde a creación do Proxecto Ríos sitúao como un referente absoluto no relacionado coa participación cidadá no coidado e promoción dos ecosistemas fluviais de Galicia. Nesta liña, subliñou que na actualidade coordina a máis de 380 grupos, que supoñen a participación de 4.500 persoas, e nos que destaca a implicación dos centros de ensino, que supoñen un 44%.

O convenio, asinado por Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio e Adega, implica un programa de custodia fluvial, que coincide cos obxectivos de Augas de Galicia de dar a coñecer o papel fundamental dos ríos e as problemáticas ambientais ligadas a estes, así como achegar prácticas e comportamentos que permitan aos cidadáns o mantemento e mellora dos cursos fluviais. Nese sentido, contase cunha ferramenta imprescindible como é o Xeoportal do Proxecto Ríos, creado para a divulgación á sociedade do estado de saúde dos ríos inspeccionados polo voluntariado.

As actividades que se financiarán a cargo deste convenio, dotado de 50.000 euros, van desde cursos de formación na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con (Vilagarcía de Arousa) para os coordinadores de grupos, a un encontro anual de voluntarios, para presentar as súas experiencias relacionadas coas inspeccións de río; ou á limpeza simultánea de ríos.

Tamén se porá en marcha un programa de itinerarios, os Roteirríos, cos que se pretende unir ríos e persoas, tentando achegar os cursos fluviais á cidadanía nun ambiente lúdico, así como dar a coñecer o patrimonio natural, social e cultural asociado.

Ao abeiro deste convenio tamén se celebrará un encontro anual de voluntarios, no que se presentarán as experiencias relacionadas coas inspeccións de río, ademais de intercambiar opinións, coñecer a outros grupos, resolver dúbidas, etc.

Estas actividades axudan a espertar a curiosidade sobre a interrelación de aspectos naturais, culturais, históricos, sociais ou económicos, e a promover unha visión integral da cidade ou vila e o seu contorno fluvial. Tamén fomentan o desenvolvemento da educación ambiental sostible a nivel local municipal, ofertando programas de actividades para diferentes grupos sociais.