CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

O labor inspector da Xunta elimina tres puntos de vertido por augas residuais e industriais nos concellos de Vigo, Nigrán e Redondela

A orixe dos aportes contaminantes detectouse no marco do Plan de Control de Vertidos ao dominio público hidráulico da demarcación Galicia-Costa

Técnicos de Augas de Galicia verificaron a emenda dos focos tras instar aos responsables a corrixir as deficiencias que estaban a provocar os vertidos
 

Santiago, 4 de xuño de 2018.- O labor inspector do persoal de Augas de Galicia permitiu eliminar recentemente tres puntos de vertido nos concellos de Vigo, Redondela e Nigrán. En concreto, nos dous primeiros casos a orixe dos aportes contaminantes era industrial mentres que no Concello de Nigrán o foco de vertido localizábase nunha vivenda.

Durante unha inspección de Augas de Galicia a unha fábrica de formigón no Concello de Vigo, técnicos do servizo de Gardaría Fluvial e do Plan de Control de vertidos detectaron un foco de contaminación nun rego do río Lagares procedente dunha balsa de lodos da instalación. Tras advertir aos responsables e realizar recentemente unha nova inspección á zona, persoal de Augas verificou que a balsa xa non estaba e todas as augas de escorrentía derivadas da planta canalizábanse xa cara a un novo sistema de tratamento

No caso de Redondela, detectouse un punto de vertido industrial á ría de Vigo que tiña a súa orixe nunhas instalacións destinadas a almacenamento frigorífico. No transcurso dunha inspección de Augas ás instalacións, localizouse un punto de alivio non bombeo que utilizaban para recoller as súas augas residuais industriais e derivalas ata o sistema de depuración. Os técnicos advertiron aos propietarios da prohibición de que haxa puntos de alivio nas liñas de tratamento de augas de natureza industrial e a deficiencia foi emendada, tal e como constataron recentemente.

Por último, en Nigrán eliminouse outro punto de vertido de orixe doméstica que afectaba ao río Miñor, no tramo da súa desembocadura. Os aportes contaminantes procedían dunha vivenda particular próxima ao río e que estaba a derivar as súas augas residuais, sen depuración previa, ao dominio público. Tras localizar a orixe do problema e trasladarllo ao propietario da vivenda, técnicos de Augas e do Concello de Nigrán puideron constatar que o vertido fora eliminado coa conexión da vivenda á rede municipal de saneamento.

Os focos de contaminación emendados nestes tres concellos pontevedreses foron detectados grazas ás inspeccións realizadas no marco do Plan de control de vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles localizados nas redes municipais de saneamento.