CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A tramitación da regularización da ocupación da actual depuradora de Praceres, en Pontevedra, entra na súa fase final

Augas de Galicia vén de recibir a proposta de aceptación do condicionado de Costas do Estado polo cal se poderá outorgar a concesión da ocupación de Dominio Público Marítimo Terrestre dos terreos da EDAR de Praceres

O documento remitido, que agora Augas de Galicia debe analizar e aceptar, propón un prazo concesional de 5 anos prorrogables ata un máximo de 30

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2018.- A tramitación da regularización da ocupación da actual EDAR de Praceres no Concello de Pontevedra acaba de entrar na súa fase final, despois de que Costas do Estado remitira a Augas de Galicia o condicionado previo ao outorgamento da concesión da ocupación dos terreos que actualmente ocupa a depuradora en Dominio Público Marítimo Terrestre.

Cómpre lembrar que a EDAR de Praceres se encontra nunha situación xurídica irregular por estar construída en terreos afectados pola antiga concesión de Ence, declarada parcialmente nula, pois debían dispoñer dunha concesión propia tal e como se está a tramitar agora.

O documento remitido por Costas, que agora somete á aceptación de Augas de Galicia, establece unhas condicións e prescricións polas que podería outorgarse a concesión de ocupación nun prazo concesional de 5 anos prorrogables, ata un máximo de 30.

Unha vez regularizada a situación da ocupación da actual EDAR, a Xunta poderá rematar o anteproxecto para a mellora da depuradora existente, primeira fase do plan de saneamento co cal se pretende conseguir unha mellora substancial do tratamento que permita cumprir os parámetros esixidos na vixente lexislación de vertidos, sen afectar, polo momento, a novos terreos. A licitación poderá realizarse no momento no que se conte coa resolución de concesión de ocupación e a preceptiva autorización de Costas.

Esperarase tamén a contar coa concesión do actual emisario submarino para poder iniciar os trámites da ocupación do novo emisario cuxo anteproxecto xa está practicamente rematado e a tramitación do resto de permisos para poder licitar o proxecto e a obra.