CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

O DOG licita por 6,5 M€ as obras do colector e do tanque de tormentas en Rianxo

O obxectivo é resolver as infiltracións de auga nas redes de saneamento do municipio, redución que se acada grazas á mellora dos colectores principais

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta, na súa reunión da semana pasada, aprobou o gasto desta actuación hidráulica que está recollida no Plan de saneamento local do Concello de Rianxo

Asemade, hoxe o Consello da Xunta aprobou o gasto que permitirá licitar o contrato para a execución das obras de ampliación da depuradora de Rianxo, por un importe de 7.506.342,69 euros

Ambas actuacións implican un investimento de 14 millóns de euros para mellorar a calidade das augas da ría de Arousa e a súa actividade
 

Santiago, 1 de marzo de 2018.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras do colector interceptor e do tanque de tormentas no Concello de Rianxo, por un importe de 6,5 millóns de euros. O obxectivo desta actuación hidráulica é resolver os problemas derivados da elevada infiltración de auga nas redes de saneamento do municipio, a través da súa redución mellorando o estado dos colectores principais e a súa xestión grazas á regulación dun tanque de tormentas.

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta na súa reunión da semana pasada autorizou o gasto desta actuación, que está financiada nun 80% polo programa operativo europeo Feder.

A necesidade desta actuación está xustificada no feito de que a rede actual, a pesar de ser separativa, presenta fallos no funcionamento dos bombeos e hai unha xestión deficiente destes. Tamén se teñen detectado verteduras industriais con cargas elevadas, tanto á rede como ao medio receptor, así como a insuficiencia do colector interceptor e da Edar para tratar o caudal que reciben.

Asemade, a capacidade do colector interceptor vese na actualidade amplamente superada polo caudal que recibe. No inverno, cando a infiltración é maior, o colector chega xa sobrecargado ao núcleo urbano, provocando verteduras polos alivios constantes desta infraestrutura.

As obras, incluídas no Plan de saneamento local do Concello de Rianxo-redactado por Augas de Galicia-, consistirá na instalación dun novo colector interceptor de case 1,5 quilómetros de lonxitude e nun tanque de tormentas cun volume de retención de 700 m3, que estará enterrado e próximo ao pozo de bombeo, que funcionará como impulsión cara á depuradora.

A importancia desta actuación radica, non só no feito de mellorar un servizo a máis de 23.000 habitantes, senón tamén no obxectivo de recuperar zonas degradadas pola contaminación da costa e aumentar a competitividade económica e o fomento do turismo.

Ampliación da Edar de Rianxo

Asemade, o Consello da Xunta aprobou -na súa reunión celebrada hoxe- o gasto que permitirá licitar o contrato para a execución das obras de ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Rianxo, por un importe de 7.506.342,69 euros esta actuación, financiada nun 80% polo programa operativo europeo Feder.

O obxectivo des actuación é adecuar a capacidade de tratamento da EDAR ás necesidades actuais e solucionar a problemática derivada tanto do excesivo volume de augas residuais xeradas na rede como da súa carga contaminante, provocada principalmente polos vertidos das industrias conserveiras.

Plan de saneamento local da ría de Arousa

Para mellorar a calidade das augas da zona de Rianxo e da ría en que se integra, Augas de Galicia redactou o Plan de saneamento da ría de Arousa.

Dentro da relación de actividades deste plan levouse a cabo un intenso traballo para o coñecemento e diagnóstico da situación actual do sistema de saneamento e depuración de Rianxo no cal se definiron as actuacións prioritarias que resultaban necesarias para solucionar as carencias do sistema de saneamento.

A raíz deste traballo, en setembro de 2017 asinouse un convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Rianxo para a execución das actuacións de mellora dos sistemas de saneamento e depuración na ría de Arousa. No marco deste convenio executaranse as obras para a mellora do sistema de saneamento e depuración. O importe global para ambas as actuacións (Edar e colector interceptor e o tanque de tormentas) ascende a 14 millóns de euros.