CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Feijóo destaca que as obras do colector e do tanque de tormentas en Rianxo e dos pantaláns mexilloeiros en Boiro contribuirán a mellorar o saneamento e o aproveitamento da Ría de Arousa

Avanza a licitación nas próximas semanas das obras do colector e do tanque de tormentas de Rianxo por un importe de 6,5 millóns de euros

Sinala que esta actuación non só mellorará o servizo a máis de 23.000 habitantes, senón que permitirá avanzar na recuperación de zonas degradadas pola contaminación

Destaca a posta en marcha da licitación dos pantaláns mexilloeiros do porto de Cabo de Cruz e da pantalla flotante por valor de máis de 7 millóns de euros

Indica que estas infraestruturas sumaranse as xa executadas nos últimos anos pola Xunta como son: a construción dunha nova dársena, cun investimento de 12 millóns de euros; e a dotación de pantaláns para a frota pesqueira

  • O presidente da Xunta, na rolda de prensa
  • O presidente da Xunta, na rolda de prensa

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que as obras do colector e do tanque de tormentas en Rianxo e dos pantaláns mexilloeiros en Boiro contribuirán a mellorar o saneamento e o aproveitamento da Ría de Arousa.

No tocante á primeira infraestrutura, Feijóo avanzou a licitación nas próximas semanas das obras, por un importe de 6,5 millóns de euros e co obxectivo de resolver os problemas derivados da infiltración de auga nas redes de saneamento do municipio.

Máis polo miúdo, Feijóo destacou que a instalación dun novo colector de case 1,5 quilómetros de lonxitude e dun tanque de tormentas non só mellorará o servizo a máis de 23.000 habitantes, senón que permitirá avanzar na recuperación de zonas degradadas pola contaminación da costa.

Non en van, para mellorar a calidade das augas da zona de Rianxo e da ría na que se integra, Augas de Galicia impulsou o Plan de saneamento da ría de Arousa, no que se inclúe esta actuación, que se une á nova EDAR de Rianxo. Polo tanto, o Goberno galego impulsa obras no Concello de Rianxo por un investimento total de 14 millóns de euros.

En relación ao Plan de saneamento local da Ría de Arousa, cómpre salientar que se divide en 5 proxectos locais, agrupando os concellos do seguinte xeito: Ribeira e A Pobra, Boiro e Rianxo, Vilagarcía e Catoira, Vilanova, Cambados e A Illa; e Meaño, O Grove e Sanxenxo.

Feijóo salientou que, desde 2009, o investimento nos concellos situados arredor da ría de Arousa ascende a máis de 53 millóns de euros. E, a esta cifra hai que engadir preto de 30 millóns que se destinarán ata 2021 para as infraestruturas pendentes previstas no Plan hidrolóxico. Deses 30 millóns, hoxe desbloquéanse 6,5 millóns.

Pantaláns mexilloeiros no porto de Cabo de Cruz

Por outra banda, e cun investimento de máis de 7 millóns de euros, Feijóo aseverou que a posta en marcha da licitación dos pantaláns mexilloeiros do porto de Cabo de Cruz, no municipio de Boiro, permitirán o atraque ordenado das embarcacións bateeiras, ao dotar ao porto de 139 prazas de amarre de esloras comprendidas entre os 12 e 22 metros.

Así mesmo, levarase a cabo a instalación dunha pantalla flotante de 216 metros de lonxitude que servirá de protección fronte ao mar de vento.

O proxecto de obra atópase xa redactado e a autorización do Consello da Xunta permitirá avanzar cara á licitación dos traballos nas próximas semanas.

Estas infraestruturas sumaranse as xa executadas nos últimos anos pola Administración autonómica como son: a construción dunha nova dársena, cun investimento de 12 millóns de euros; e a dotación de pantaláns para a frota pesqueira. En definitiva, trátase dun total de preto de 20 millóns de euros de investimento para poñer a punto un dos principais portos pesqueiros de Galicia, como é o de Cabo de Cruz.