CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Medio Ambiente e Fegamp avanzan nos criterios comúns de actuación que se incluirán no futuro Pacto Local da Auga

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, reuníronse esta mañá e coincidiron na necesidade de impulsar este pacto a través da sinatura dun convenio de colaboración

O departamento autonómico manterá o contacto cos concellos en relación á nova Lei de Protección e Benestar animal e a Fegamp remitiralle datos sobre as posibles necesidades económicas xurdidas pola entrada en vigor da normativa
 

  • A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, nunha xuntanza
  • A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, nunha xuntanza

Santiago, 21 de febreiro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) continúan avanzando co fin de impulsar o futuro Pacto Local da Auga, no cal consensuaranse os criterios tanto de investimentos como de execución en materia de infraestruturas hidráulicas.

Este foi un dos temas que abordaron esta mañá durante unha reunión de traballo a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o presidente da Fegamp, Alfredo García. Na xuntanza, ambos responsables coincidiron na necesidade de darlle un impulso definitivo ao Pacto Local da Auga a través da sinatura dun convenio de colaboración.

Nese convenio concretaranse unha serie de accións comúns en virtude das cales se desenvolverá o propio pacto. Así, entre outros aspectos relativos á xestión da auga, o documento comprometerá a realización dos estudos necesarios para determinar os indicadores mínimos de calidade na prestación do servizo a nivel municipal, e sentará as bases para ir cara a unha estrutura tarifaria homoxénea que garanta a sustentabilidade do ciclo integral da auga en todos os concellos de Galicia. Por outro lado, estableceranse os criterios técnicos a seguir á hora de priorizar e cofinanciar novas obras hidráulicas por parte das distintas administracións competentes (autonómica, provincial e local).

Por outra banda, Beatriz Mato e Alfredo García tamén aproveitaron o encontro para falar da nova Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro. Nesta liña, desde a consellería acordouse manter o contacto cos concellos en relación a este tema e a Fegamp comprometeuse a recopilar datos e información concreta sobre as posibles necesidades de financiamento que poidan xurdir pola aprobación do novo marco normativo en materia de benestar animal.