CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licitará a obra de mellora da rede de abastecemento de Noia antes de que remate o ano

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, reuníronse hoxe para analizar varios proxectos de interese para o municipio

O rexedor solicitou que Augas de Galicia teña en conta ao seu municipio para a elaboración dun plan director en materia de saneamento no marco do programa ‘Aquamundam’ de cooperación transfronteiriza España-Portugal
 

  • A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, reuníronse hoxe para analizar varios proxectos de interese para o municipio

Santiago, 7 de febreiro de 2018.- A obra para a mellora de rede de abastecemento de auga do Concello de Noia licitarase antes de que remate o ano. Así llo comunicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ao alcalde de Noia, Santiago Freire, no transcurso dunha reunión na que analizaron varios proxectos de interese para o concello en materia de abastecemento, saneamento e urbanismo.

Nestes momentos, tal e como lle explicou a conselleira ao rexedor, a redacción do proxecto está nunha fase moi avanzada polo que o seguinte paso será sacar a licitación a obra, algo que sucederá este mesmo ano. Isto significa que en 2018 daráselle un impulso definitivo a esta actuación, de vital importancia para o concello coruñés xa que permitirá resolver os episodios puntuais de turbidez detectados no servizo de abastecemento municipal.

Cómpre lembrar que a Xunta asumiu o compromiso con esta obra en virtude dun convenio de colaboración co concello no que comprometeu un investimento de 900.000 euros na mellora e ampliación das infraestruturas hidráulicas do municipio para garantir un abastecemento suficiente e de calidade para todos os veciños e veciñas. Entre as actuacións incluídas no convenio figura a execución dun novo depósito de cabeceira con maior capacidade que o actual, o que aumentará a garantía de abastecemento incluso cando se produzan episodios de turbidez ou períodos de seca.

Por outra banda, o rexedor noiés tamén expuxo a idoneidade de Noia para participar no proxecto Aquamundam, unha actividade a desenvolver por Augas de Galicia no marco do programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. Entre as actividades financiadas dentro deste proxecto figura a realización dun plan director en materia de saneamento para unha cidade galega, motivo polo que Santiago Freire propuxo que Noia fose a escollida.

Tramitación do PXOM

Por último, o alcalde tamén abordou coa conselleira o estado actual de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Noia. Ao respecto, ambos mandatarios coincidiron na necesidade de que a administración municipal e a autonómica actúen de forma coordinada á hora de dar os pasos necesarios para facer as modificacións e os axustes precisos no proxecto e seguir avanzando de cara á súa redacción.