CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A Consellería de Medio Ambiente inicia os traballos para a regulación do nivel hídrico da lagoa da Frouxeira

Trátase dunha actuación recorrente establecida no Plan de conservación desta zona húmida co fin de evitar posibles asolagamentos dos espazos limítrofes

O nivel da lagoa alcanzou hoxe a altura máxima fixada para proceder ao seu baleirado polo que o departamento autonómico activou o protocolo previsto
 

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciou esta mañá os traballos para a apertura da canle de desaugadoiro da lagoa da Frouxeira, no Concello de Valdoviño. Hoxe acadouse o nivel máximo de altura das augas prevista no Plan de conservación da lagoa, que establece para estes casos un protocolo para abrir a barreira litoral co fin de liberar parte da auga almacenada e así evitar o asolagamento das zonas limítrofes.

As obras, xa consideradas de mantemento pola súa repetición ano tras ano, comezaron hoxe e continuarán ata que se comprobe a súa efectividade. Cómpre subliñar que nesta ocasión os traballos de desaugadoiro realízanse algo máis tarde que outros anos debido aos baixos índices de pluviosidade rexistrados no ano 2017 debido a situación de seca prolongada que está a vivir Galicia.

A lagoa da Frouxeira é un dos cinco humidais protexidos en Galicia e conta, ademais, con outras figuras de protección como as de humidal protexido de importancia internacional, zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial conservación (ZEC).

Esta zona húmida foi sometida no século pasado a diferentes cambios motivadas pola propia actividade humana na zona, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral – lagoa.

Nestes momentos, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a cubeta e o mar permanece pechada, producindo unha suba do nivel de auga que provoca inundacións tanto na zona viaria anexa coma nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral para o posterior baleirado da lagoa.

Esta apertura e baleirado crean unha situación daniña para o ecosistema e pode ter tamén incidencia sobre a seguridade pública. O plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño, aprobado mediante o Decreto 30/2015, do 5 de febreiro, xa recolle esta situación e, no seu programa de actuacións, establece un protocolo de actuación para a apertura da lagoa, en tanto non se recupere o seu funcionamento natural.

Neste protocolo establécese un nivel de alerta a partir do cal iniciarase a redacción e tramitación do proxecto de apertura axustado ás especificacións indicadas no propio plan.