CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Mesía asinan o convenio que permitirá completar o abastecemento do municipio

Augas de Galicia asumirá un investimento de case 580.000 euros para levar a cabo a primeira fase dunha obra que aumentará a capacidade para abastecer á parroquia de San Cristovo e a unha parte das de Visantoña e Olas

Con esta nova actuación, a Xunta de Galicia leva comprometidos xa máis de 2 millóns de euros na rede de abastecemento de auga de Mesía

A previsión é que os traballos poidan ser licitados no primeiro trimestre deste ano

 

  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a ampliación da rede de distribución de auga
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a ampliación da rede de distribución de auga

A Coruña, 4 de xaneiro de 2017.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a ampliación da rede de distribución de auga neste municipio por un importe de case 580.000 euros. Augas de Galicia asumirá o 100% do custo da primeira fase desta obra, que unha vez finalizada permitirá completar a rede de abastecemento do concello coruñés.

Coa execución da Fase I obxecto do convenio preténdese dotar de servizo de abastecemento á parroquia de San Cristovo, así como a unha parte das parroquias de Visantoña e Olas. Nesta primeira fase da obra, tamén se definirá un novo ramal principal desde o anel existente que se dirixe a Olas e Visantoña, o que permitirá dar servizo a estas zonas no futuro.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia ten realizado un importante esforzo inversor para mellorar e completar a rede de abastecemento do Concello de Mesía. De feito, os 576.194,23 euros que se mobilizarán para esta nova obra sumaranse aos 1.540.256 euros investidos xa na ampliación da rede de distribución para levar este servizo á zona este do concello e nas obras de captación e bombeo acometidas, polo que o investimento comprometido en materia de abastecemento en Mesía supera os dous millóns de euros.

Tal e como se recolle no convenio, Augas de Galicia levará a cabo os traballos de contratación e execución das obras, controlará a calidade e a seguridade durante a súa realización e financiará ao 100% a actuación. Pola súa banda, o Concello de Mesía porá a disposición do organismo de conca os terreos necesarios libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado; e tamén deberá obter os permisos, licencias e autorizacións necesarias para a súa execución.

A previsión que se baralla é que a obra poida licitarse no primeiro trimestre deste ano, para o cal o Concello de Mesía deberá completar previamente todos os trámites administrativos sinalados.