CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A Consellería de Medio Ambiente mellora os camiños das dúas marxes dos ríos Paradela e Lengüelle, no concello de Tordoia

A Xunta de Galicia destinou a esta intervención algo máis de 21.000 euros para recuperar as dúas beiras de ambos ríos e mellorar o acceso aos muíños do Buño

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Antonio Pereiro, comprobaron o resultado dos traballos, cofinanciados con fondos Feader
 

  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras de mellora de camiños nas marxes dos ríos Paradela e Lengüelle
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras de mellora de camiños nas marxes dos ríos Paradela e Lengüelle

Tordoia (A Coruña), 14 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras de mellora de camiños nas marxes dos ríos Paradela e Lengüelle, acompañado polo alcalde, Antonio Pereiro Liñares, e pola xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Cristina Carrión. Trátase dunha actuación de algo máis de 21.000 euros, cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020.

Con este investimento, a Consellería de Medio Ambiente pretendía a mellora da calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza na área de influencia socioeconómica da Zona de Especial Conservación (ZEC) do río Tambre, buscando un equilibrio entre o uso público seguro e a divulgación e conservación dos valores naturais e culturais polos que discorre.

Parte das actuacións contempladas no camiño paralelo ao río Paradela están directamente localizadas dentro dos espazos de Rede Natura 2000 no ZEC Río Tambre e o resto da actuación da continuidade a esta. O camiño de acceso ao río Lengüelle aínda que non está dentro da delimitación do ZEC, ao igual que o río Paradela desemboca no río Tambre e serve de acceso a dous muíños tradicionais (Muíños do Buño).

As actuacións consistiron no acondicionamento da explanación, mellora do firme con saburra, a apertura de caixa e preparación da base, un cartel de publicidade da intervención e a correspondente xestión de residuos.

Ovidio Rodeiro destacou o esforzo da Xunta “na mellora do uso público dos espazos naturais, procurando achegar á poboación local e aos visitantes os valores dos espazos naturais respectando os principios de conservación”. Engadiu que o fin última destas pequenas intervencións é “mellorar a calidade de vida no campo fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural”.