CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia envía ao concello de Vigo o borrador de convenio para a execución da obra do bombeo desde Laforet que reforzará o abastecemento

No texto, tal e como se quedou na reunión de onte, propóñense dúas alterativas para a execución da obra de emerxencia

Existe a posibilidade de que sexa realizada polo Concello ou que este solicite á Xunta a súa execución por entender que sexa máis áxil

En ambos casos ofrécese a colaboración técnica e financeira de ata un 20% do custo da obra por parte da Xunta de Galicia
 

Santiago, 28 de novembro de 2017.- O departamento autonómico de Augas de Galicia vén de remitir ao Concello de Vigo o borrador do texto do convenio que permita artellar a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Vigo. O documento, tal e como se acordou na reunión celebrada onte, contempla dúas alternativas de colaboración na actuación elixida para o reforzo do sistema de abastecemento de Eiras dende unha captación no río Verdugo e a súa conexión coa canalización que conecta o encoro de Eiras coa ETAP do Casal.

O borrador enviado recolle todas as alternativas baralladas na citada reunión respecto á execución material das obras, o financiamento ou a consecución dos terreos e dereitos necesarios para levalas acabo. Agora é preciso que o Concello tome a decisión para poder continuar coa completa definición do alcance desta colaboración e por en marcha os trámites de xeito inmediato para desenvolvela.

Desde a Xunta, tal e como se indicou xa o pasado venres, ofrécese a máxima cooperación neste senso, tanto se decide acometela o Concello; como se decide encargar a súa execución a Augas de Galicia.

Así mesmo, en calquera das opcións elixidas, mantense o ofrecemento de colaborar financeiramente cunha partida de ata un 20% do custe da actuación, como xa avanzou hoxe o presidente da Xunta, e tal e como xa se fixo noutras actuacións semellantes de reforzo de abastecemento en outras zonas,.

Así mesmo, desde Augas de Galicia ponse a disposición todo o apoio necesario na interacción con outras administracións para o desenvolvemento da obra no suposto de que sexa executada polo Concello de Vigo e, por suposto, a axilización de todas as tramitacións que dependan da administración autonómica para a regularización das obras que deban levarse a cabo neste proxecto.

Competencias en materia de augas

Tal e como se recolle no convenio, hai que lembrar que o Concello de Vigo -ao igual que o resto das administracións locais- ten atribuídas competencias en materia de abastecemento de auga potable, de acordo co establecido nos artigos 25, 26 e 86 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime local e nos artigos 80 e 81 da Lei 5/1997 da Administración local de Galicia. Así mesmo, os artigos 5 e 27 da Lei 9/2010, de Augas de Galicia, establece o abastecemento como competencia das entidades locais.