CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta propón dúas alternativas para unha nova captación desde o río Verdugo como medida de emerxencia para garantir o abastecemento da área de Vigo

O director de Augas de Galicia explicou que se trataría dunha impulsión dende os canais de derivación dende dous aproveitamentos hidroeléctricos xa existentes

Insistiu na necesidade de reducir os consumos non prioritarios, o que implicaría un esforzo ás industrias que se abastecen da rede municipal e que consumen máis 2.000 m3 de auga ao ano e co que se acadarían 160 días de garantía de abastecemento

Recorda que reducir o caudal ecolóxico sen respectar a prioridade de usos, tal e como demanda o Concello de Vigo, sería caer nun delito ecolóxico
 

  • O director de Augas de Galicia explicou que se trataría dunha impulsión dende os canais de derivación dende dous aproveitamentos hidroeléctricos xa existentes
  • O director de Augas de Galicia explicou que se trataría dunha impulsión dende os canais de derivación dende dous aproveitamentos hidroeléctricos xa existentes

A Coruña, 24 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia trasladou esta mañá aos concellos que se abastecen dos embalses de Eiras e Zamáns a existencia de dúas alternativas para captar e bombear caudal desde o río Verdugo, co fin de incrementar as garantías de abastecemento aos concellos que se abastecen do encoro de Eiras.

Así o explicou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, na terceira reunión que se mantén cos concellos que se abastecen do embalse de Eiras e Zamáns. Explicou que se trataría dunha impulsión dende os canais de derivación dende dous aproveitamentos hidroeléctricos xa existentes, que non precisarían da construción dun azud e esa auga se impulsaría directamente á entrada do sistema de abastecemento de Eiras. Indicou que esta alternativa tería un menor impacto ambiental ao non supoñer un novo obstáculo no cauce do río e engadiu que esta posibilidade sería a idónea para utilizar en casos de emerxencia, xa que o seu prazo de execución sería de tres meses.

Aclarou que, a diferencia da actuación proposta polo Concello de Vigo (a construción dun azud na confluencia dos ríos Verdugo e Oitaven), calquera das alternativas darían resposta a unha posible situación de emerxencia. Lembrou que xa no 2011 a construción do azud quedou descartada por non ser unha obra estratéxica ao non garantir o abastecemento a Vigo e a súa área de influencia; nin tampouco apta para situación de emerxencia, pois para a súa execución serían necesarios seis meses.

Tamén avanzou que a Xunta estaría disposta a colaborar na financiación desta actuación, cuxo custe se estima entre 3 e 5,5 millóns de euros, en termos similares aos que participou noutros concellos, nos que -aclarou o director de Augas- a entidade xestora ten manifestado o seu compromiso de mellorar as infraestruturas que garantan o abastecemento ao futuro, o que é o lóxico xa que son os concellos os que por lei deben garantir o subministro de auga potable aos seus veciños.

O director de Augas de Galicia aclarou que estas medidas serían factibles sempre e cando quede constatado que as medidas de redución de consumos non esenciais non teñen o impacto esperado e, consecuentemente, se teñen que activar outras medidas que garantan os recursos hídricos dispoñibles.

Redución do consumo

Rodríguez Martínez insistiu unha vez máis na necesidade de reducir os consumos non esenciais e invitou aos concellos que se abastecen dos sistema 1 e 2 a seguir o exemplo do Consorcio do Louro, que solicitou aos grandes consumidores de auga industrial un esforzo para reducir o consumo nun 20%, medida que non se ten traducido no peche de empresas nin en despidos de traballadores; xa que se está a pedir un esforzo a aquelas empresas que consumen máis de 2.000 m3 de auga ao ano das redes de abastecemento municipal.

Recordou tamén que esta medida xa foi traslada -por parte da Xunta xa que capta directamente do río- a Ence, que segue a funcionar con normalidade a pesar de ter reducida á metade o volume concedido para captar do río Lérez.

Colaboración cos concellos

Roberto Rodríguez aclarou que Auga de Galicia mantén o seu ofrecemento a todos os concellos afectados pola seca para analizar e adoptar posibles medidas para paliar os efectos da mesma.

En relación coa demanda do Concello de Vigo de reducir o caudal ecolóxico de Eiras, explicou que é unha medida que se pode adoptar, pero a orde de prioridades de usos que establece o Plan Hidrolóxico Galicia Costa, indica que primeiro se deben adoptar medidas de redución de consumos non prioritarios, e que actuar contra a normativa legal podería chegar a constituír un delito ambiental, pois os danos ao ecosistema poden ser irreversibles.

Aclarou que reducir o caudal ecolóxico nunha cuarta parte, como propón a administración local, é, nas circunstancias actuais, practicamente secar o río. Lembrou que a día de hoxe o caudal do río Oitavén xa é menor do caudal ecolóxico establecido para situación de seca.

Insistiu en que se tramitarán todas as peticións que se trasladen, pero deben obviamente respectar a lei, acreditando que se teñen adoptado e esgotado todas as medidas de aforro posible noutros usos menos prioritarios que o uso ambiental.

Por último, o director de Augas de Galicia lamentou a falta de planificación e previsión por parte dos responsables do Concello de Vigo e lembrou que esta situación non é nova; xa que este sistema entrou en prealerta hai xa un ano. En xaneiro deste ano declarouse para toda a conca Galicia- Costa, e nese momento xa se indicou aos concellos a oportunidade de valorar determinadas medidas para facer un uso responsable; en maio, volveuse a solicitar determinadas medidas e, en outubro, decretouse a alerta, momento no que o alcalde de Vigo afirmaba que non tomaría medidas de aforro porque en Vigo había auga suficiente .