CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Medio Ambiente e Fegamp concordan sobre a necesidade de axilizar a comunicación dos datos de consumos nos distintos concellos afectados pola seca

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presidiu esta mañá unha reunión de coordinación coas distintas demarcacións de Galicia e a Fegamp co obxectivo de analizar e intercambiar información sobre a situación de alerta por seca en cada sistema

Subliñaron a importancia de obter canto antes os datos relativos aos consumos en cada un dos concellos de cara a coordinar as medidas necesarias para garantir o abastecemento prioritario

Tamén sinalaron a necesidade de seguir fomentando o uso responsable da auga, así como de adoptar, por parte dos concellos, as medidas oportunas para reducir os consumos non esenciais
 

  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presidiu esta mañá unha reunión de coordinación coas distintas demarcacións de Galicia e a Fegamp
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presidiu esta mañá unha reunión de coordinación coas distintas demarcacións de Galicia e a Fegamp

Santiago, 9 de novembro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Fegamp concordan sobre a necesidade de axilizar a comunicación dos datos relativos aos consumos en cada un dos concellos afectados pola declaración da situación de alerta por seca de cara a coordinar as medidas que sexan necesarias para protexer os recursos e garantir o abastecemento. Así o manifestou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que esta mañá presidiu unha reunión de coordinación coa Fegamp e as distintas demarcacións de Galicia co obxectivo de analizar e intercambiar información sobre a situación de alerta por seca en cada un sistemas afectados.

No transcurso desta xuntanza, na que participaron o vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfonso Villares, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; e o representante do organismo de conca do Cantábrico, Juan Miguel Llanos; coincidiron na importancia de obter o antes posible os datos relativos aos consumos en cada concello en función dos seus usos (industrial, comercial e doméstico) de cara a adoptar medidas que garantan o abastecemento.

Neste senso, Augas de Galicia xa celebrou varios encontros cos concellos dos sistemas afectados que, no área da Coruña, son A Coruña, Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Carral, Culleredo, Curtis, Irixoa, Mesía, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Cambre, Coirós, Cerceda, Sobrado; na do sur e interior de Pontevedra, A Lama, Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Nigrán, Ponte Caldelas, Redondela, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Porriño, Mos e Oia; e na área da Costa da Morte, cos concellos de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos e Santa Comba.

Nesta mesma semana, a Comisión Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia ratificou a declaración da situación de alerta por seca no sistema do Lérez e Ría de Pontevedra, polo que o vindeiro luns manterase tamén un encontro cos concellos pertencentes a este sistema (Pontevedra, Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo, Cotobade, Campo Lameiro, Cerdedo e Forcarei) co fin de valorar e coordinar posibles accións que contribúan a protexer os recursos e garantir o abastecemento nestas zonas.

Igualmente, na reunión desta mañá, abordaron a necesidade de seguir concienciando á poboación sobre a importancia de realizar un consumo responsable da auga, así como adoptar, por parte dos concellos, as medidas pertinentes para reducir os usos non esenciais, como a supresión de baldeo, regos, industriais; e intensificación das labores de mantemento da rede de abastecemento de cara a minimizar posibles perdas.

Por último, acordaron intensificar os contactos entre as demarcacións, que se xa se viñan producindo de maneira frecuente, e que pasarán a manterse cunha periodicidade quincenal co obxectivo de reforzar a coordinación en todo o territorio e homoxeneizar a resposta ante esta situación prolongada de seca, sempre respectando as características particulares e específicas de cada unha das concas.