CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia propón declarar a situación de alerta no sistema hidrolóxico do río Lérez e a ría de Pontevedra

O director de Augas de Galicia indica que tendo en conta o baixo caudal circulante considérase oportuno activar a alerta nesta zona

Este cambio será trasladado ao Comité Permanente do Consello de Augas e convocarase a unha reunión de coordinación a todos os concellos que se abastecen desde este sistema

A climatoloxía do mes de outubro non mellorou a situación, polo que se mantén a alerta nos seis sistemas xa declarados e a de prealerta nos restantes

Indica que os embalses galegos son moi receptivos á chuvia directa, pero os ríos necesitarán previamente que se filtre esa chuvia, xa que o terreo está moi seco e debe recuperar os niveis de humidade habituais
 

  • O director de Augas de Galicia indica que tendo en conta o baixo caudal circulante considérase oportuno activar a alerta nesta zona
  • O director de Augas de Galicia indica que tendo en conta o baixo caudal circulante considérase oportuno activar a alerta nesta zona

Santiago, 3 de novembro de 2017.- O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, avanzou esta mañá que a Oficina Técnica da Seca, reunida hoxe en Santiago, proporá declarar a situación de alerta no Sistema de explotación do Río Lérez e a Ría de Pontevedra (Sistema 3).

Roberto Rodríguez sinalou que despois de analizar o comportamento do mes de outubro e tendo en conta os datos hidrolóxicos de Augas de Galicia, conclúese que dado o baixo caudal circulante considérase necesario mudar da situación de prealerta a alerta por seca nesta zona.

O director de Augas de Galicia aclarou que esta decisión se trasladará ao Comité Permanente do Consello Reitor de Augas de Galicia a semana próxima e que tamén se convocará a unha reunión de coordinación a todos os concellos que se abastecen deste sistema (Pontevedra, Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo, Cotobade, Campo Lameiro, Cerdedo e Forcarei), para coñecer directamente da man dos municipios afectados os datos relativos ao volume de auga que están a captar, información sobre os usos de auga, as necesidades e pode facer unha avaliación conxunta e propor as medidas necesarias.

Rodríguez Martínez precisou que, aínda que o pasado mes no fora declarado en alerta, neste sistema xa se estaba a facer un seguimento semanal da evolución dos seus principais cursos fluviais, cun seguimento intensivo dos indicadores máis relevantes e das principais detraccións de auga.

Na reunión tamén se analizou os indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos relativos ao mes de outubro, que indican que foi o cuarto máis seco da serie histórica, da que se conclúe que a situación non mellorou, e os sistemas presentan unha tendencia á baixa. Hai que ter en conta que no mes de outubro, o comportamento natural dos ríos da Demarcación Galicia-Costa é de incremento, polo que os datos de caudal circulante deste mes se distancia da media histórica. Así, mantense a alerta nos seis sistemas de explotación decretada a comezos de outubro (concas dos río Verdugo, Baíña e Lagares (Sistema 1), dos ríos de Oia, O Rosal, que verten á Costa Atlántica (Sistema 2), para a bacía do río Castro (Sistema 8), do río Xallas e río Cee (Sistema 7), do río Mero e outros ríos que desembocan na ría de Coruña (Sistema 11), e da bacía do río Mandeo e outros ríos que desembocan na ría de Betanzos (Sistema 12).

O director de Augas de Galicia reiterou a necesidade de facer un uso responsable da auga, porque Galicia rexistrou un ano hidrolóxico cun 30% menos de choiva, e que un mes de novembro con precipitacións normais non vai a mellorar substancialmente a situación, aínda que si suporá un cambio de tendencia.

Adiantou que as chuvias rexistradas nestas primeiras xornadas non terán unha incidencia significativa, xa que se “non se trata tanto de dicir cantos litros ten que chover, senón que é tan importante como chova e onde chova”, explicou o director de Augas, que aclarou que son necesarias precipitacións continuas e constantes para que se produza a recarga. Sinalou que os embalses galegos son moi receptivos á chuvia directa, pero os ríos necesitarán previamente que se filtre esa chuvia, o terreo está moi seco e debe recuperar os niveis de humidade habituais.

Segundo os datos que aportou Meteogalicia analizando algún indicador -como a cantidade de neve caída durante o mes de outubro na zona de Siberia e a cantidade de xeo no Ártico, o mes de novembro e decembro caracterizarase pola chegada de borrascas e a normalización progresiva da situación.