CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia acometerá as actuacións necesarias para a mellora e optimización do funcionamento da Edar de Ribeira

O director de Augas de Galicia anunciou no Parlamento que a entidade promotora da obra, ACUAES, ultima un programa de actuacións para a optimización do sistema de colectores e mellora do tratamento dos cheiros

O responsable da Administración hidráulica de Galicia recordou que a Xunta sempre mantivo o compromiso de non recepcionar a obra ata garantir o correcto funcionamento da infraestrutura

Así, a Xunta de Galicia colaborará con ACUAES na execución destas actuacións, para o que incluirá o investimento necesario nos orzamentos para 2018

Roberto Rodríguez Martínez indicou que, deste xeito, blíndase o compromiso adquirido cos veciños para que a finais do verán do 2018 a EDAR poida estar funcionando a pleno rendemento e coas máximas garantías
 

Santiago, 19 de outubro de 2017.- O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, anunciou que a Xunta colaborará con ACUAES na execución das actuacións necesarias para a mellora e optimización do funcionamento da EDAR de Ribeira. Durante a súa intervención no Parlamento, o responsable da Administración hidráulica de Galicia avanzou que a entidade promotora da obra ultima un programa de accións, que permitirán optimizar o sistema de colectores e instalacións auxiliares do saneamento de Ribeira co fin de mellorar e minimizar os cheiros.

Boa parte destas actuacións serán as que levará a cabo Augas de Galicia e para as que xa ten previsto un investimento nos orzamentos do Goberno galego do 2018. Por iso, segundo explicou o director de Augas de Galicia, na actualidade, “estase a traballar na prórroga do período de posta en marcha co obxectivo de garantir que se poidan solucionar todos os problemas detectados antes de proceder á recepción da obra”.

Roberto Rodríguez recordou que a Xunta de Galicia cofinancia esta infraestrutura en virtude do convenio de colaboración asinado en coa Sociedade Estatal Aguas das Concas de España, SA, ACUAES, que é a entidade promotora da EDAR. “Esta condición -apuntou o director de Augas de Galicia-, en ningún caso foi impedimento para que, dende o primeiro momento, a Xunta atendera as queixas dos veciños, facéndoas súas, e as trasladara con toda a preocupación a ACUAES”.

Así, reiterou que a Xunta sempre mantivo o compromiso de non recepcionar a obra ata garantir o seu correcto funcionamento e que, polo tanto, todos os problemas detectados durante a fase de probas quedan totalmente emendados.

Este novo compromiso da Xunta, dixo o director de Augas, “blinda o compromiso adquirido con veciños para que a finais do próximo verán poida estar rematada e operativa toda a infraestrutura e, polo tanto, os problemas xurdidos na posta en marcha do sistema solucionados definitivamente”.

Por último, o responsable da Administración hidráulica de Galicia sinalou que a EDAR e colectores xerais de Ribeira é unha instalación de preto de 20 millóns de euros, dos que a Xunta aportou 8,5, que emprega unha tecnoloxía innovadora para dar resposta a un sistema de saneamento moi complexo. Con todo, insistiu en que a Xunta estará vixilante para que se cumpran as condicións que permitan que, cando remate esta fase de posta en marcha da EDAR, o sistema funcione correctamente. Para iso, engadiu, “deben de cumprirse todas as condicións sen menoscabo da calidade de vida dos veciños”.