CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta dotará dunha nova rede de abastecemento de auga ao lugar de Rosende, en Trazo

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o rexedor local, José Dafonte, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que se executarán as obras necesarias para garantir o subministro neste núcleo de poboación

Deste xeito, o departamento autonómico destinará 60.000 euros á instalación dun sistema de bombeo e unha rede de tubaxes de distribución que permitirán a conexión de Rosende á rede municipal de abastecemento

Segundo as previsións de Augas de Galicia, as obras poderán comezar antes de que remate o ano
 

  • A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o rexedor local, José Dafonte, asinaron esta mañá un convenio de colaboración

Santiago, 26 de setembro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, dotará dunha nova rede de abastecemento de auga ao núcleo de Rosende, en Trazo. As obras executaranse no marco dun convenio de colaboración que esta mañá asinaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o rexedor local, José Dafonte, no transcurso dun encontro celebrado en Santiago.

Deste xeito, o departamento autonómico destinará preto de 60.000 euros á execución das obras necesarias para garantir o subministro a esta entidade de poboación e mellorar, así, as condicións para a prestación deste servizo.

Os traballos consistirán na instalación dun sistema de bombeo e a creación dunha nova rede de tubaxes de distribución, que permitirán a conexión do lugar de Rosende coa rede municipal de abastecemento de auga. Segundo as previsións de Augas de Galicia, as obras poderán iniciarse antes de que remate o ano.

Con esta actuación facilítase a incorporación ao patrimonio público municipal dunha nova infraestrutura hidráulica coa que se pretende incrementar a calidade de vida dos veciños, mediante unha acción coordinada entre Augas de Galicia e o Concello de Trazo.

Deste modo, a Administración autonómica comprométese á execución das infraestruturas que, unha vez rematadas, serán entregadas ao concello para a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación. Ademais, a administración local deberá poñer a disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para a acoller as novas infraestruturas.

Por último, cómpre lembrar que as obras serán financiadas na súa totalidade por Augas de Galicia dentro do seu compromiso coas administracións locais para a cooperación no desenvolvemento das súas obrigas en materia de abastecemento e saneamento de augas.