CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia acometerá as obras de mellora da rede de abastecemento de auga no núcleo de Xubín, en Cenlle

Os traballos realizaranse no marco dun convenio de colaboración que esta mesma mañá referendaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o rexedor local, Gabriel Alén Castro

Mediante esta actuación darase solución ás perdas de presión que se producen na actualidade, especialmente nos puntos álxidos da rede

O orzamento previsto neste convenio de colaboración ronda os 60.000 euros
 

  • A conselleira de Medio Ambiente na súa reunión co alcalde de Cenlle
  • A conselleira de Medio Ambiente na súa reunión co alcalde de Cenlle
  • A conselleira de Medio Ambiente na súa reunión co alcalde de Cenlle

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, acometerá as obras de mellora da rede de abastecemento de auga no núcleo de Xubín, en Cenlle. Esta actuación, que conta cun orzamento de case 60.000 euros, permitirá dar solución ás perdas de presión que na actualidade se veñen producindo, especialmente nos puntos álxidos da rede.

Estes traballos realizaranse no marco dun convenio de colaboración que esta mesma mañá asinaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade ourensá, Gabriel Alén Castro, durante un encontro celebrado en Santiago.

Este convenio permitirá acometer e incorporar ao patrimonio público municipal unha actuación, que suporá unha mellora do servizo e, por conseguinte, un incremento da calidade de vida dos veciños do núcleo rural de Xubín. Neste senso, cómpre salientar que estes traballos responden ao compromiso da Administración autonómica e local por garantir a subministración de auga á poboación en calidade e cantidade.

Do mesmo xeito, este acordo pon de manifesto a cooperación entre a Xunta e os concellos, como unha boa forma de avanzar en Galicia cara a unha xestión da auga responsable e sustentable.

Así, a través deste convenio, que terá vixencia dun ano, Augas de Galicia comprométese á contratación, execución e dirección da obra, así como a súa xestión ata a completa finalización dos traballos, mentres que o Concello deberá dispoñer dos terreos necesarios para a realización das obras e tramitar as licencias e permisos correspondentes.

Outros investimentos en Cenlle


As obras de mellora da rede de abastecemento de auga no núcleo de Xubín son unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Cenlle, onde o ano pasado a Consellería de Medio Ambiente acometeu, por valor de 32.000 euros, os traballos para favorecer as condicións de acceso ao núcleo de Casardomaro-Esposende, así como a adecuación dos espazos públicos do entorno da Igrexa de Trasariz.

Igualmente, a estas actuacións hai que engadir o compromiso recentemente adquirido polo Goberno galego para o acondicionamento da Praza da Tenencia, por un importe de case 100.000 euros (94.630). Trátase dunha actuación recollida, tamén, no marco do Plan hUrbe, coa que se pretende reestruturar a praza, respectando os elementos existentes e aumentando as áreas peonís, acoutando as zonas de circulación e aparcamento de vehículos.

Cómpre lembrar que o Plan Hurbe ten entre as súas finalidades mellorar e promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais.