CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Galicia Costa mantén o nivel de prealerta por seca con especial atención ás concas do centro e sur da demarcación

Así o decidiu esta mañá a Oficina Técnica da Seca, onde están representados Augas de Galicia, a Consellería de Medio Rural, a Axencia Galega de Emerxencias e Meteogalicia

Deste xeito, realizarase un seguimento exhaustivo naquelas concas onde os caudais dos ríos están sendo baixos con respecto aos indicadores habituais nesta época do ano, sobre todo, en ríos pequenos como o Castro, na zona central, e o Grova ou o Miñor, no sur

A finais de setembro haberá unha nova análise da situación, xa que o comportamento deste mes será clave para ver se é necesario establecer novas medidas

  • Imaxe da reunión desta mañá
  • Imaxe da reunión desta mañá
  • Imaxe da reunión desta mañá
  • Imaxe da reunión desta mañá

Santiago, 1 de setembro de 2017.- A Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa manterase en situación de prealerta por seca con especial atención ás concas do centro e sur da Demarcación, onde os ríos seguen a presentar caudais inferiores aos niveis habituais nesta época do ano. Así o decidiu esta mañá a Oficina Técnica da Seca, que conta con persoal técnico de todos os departamentos da Xunta de Galicia con competencias nesta materia, isto é, Augas de Galicia, a Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Emerxencias e Meteogalicia.

Durante este encontro, os técnicos analizaron por concas o estado da demarcación e concluíron que as do norte presentan estabilidade con respecto ao mes pasado, cunha lixeira melloría nalgún río debido as chuvias dos últimos días do mes. Pola contra, nos ríos do centro de Galicia, os caudais seguen sendo baixos con respecto aos habituais nesta época do ano, especialmente, en ríos pequenos como o Castro, aínda que tamén ten descendido no Tambre e no Ulla. Nunha situación similar atópanse os ríos do sur, onde os caudais son inferiores respecto a outros anos, en ríos pequenos como o Grova ou o Miñor. Será pois nestas áreas onde ao longo das próximas semana se poña una vixilancia especial do seu comportamento, por se fose necesario tomar algunha medida de xeito inmediato.

A partires da análise destes datos, e a expensas da súa evolución de cara ao inicio do outono, non se considera preciso nestes momentos pasar ao nivel de alerta e si manter a declaración de prealerta, xa que arrastramos un déficit hídrico prolongado e é precisamente a partir do outono cando teñen que empezar a recargarse os nosos sistemas.

Cómpre lembrar que a situación de prealerta na que se atopa a Demarcación Galicia Costa activouse o pasado mes de xaneiro, fundamentalmente, debido ao baixo caudal que presentaban os ríos e os acuíferos que, a causa do déficit acumulado de precipitacións, teñen dificultades para recargarse.

Con todo, os encoros de abastecemento están a un 71,27% de ocupación, que, pese a estar 8 puntos por debaixo con respecto ao mesmo período en 2016, presentan unha situación que pode considerarse estable para este momento do ano -escaseza de choivas e o aumento do consumo-. Deste xeito, o abastecemento aos grandes núcleos de poboación está garantido e os problemas que se están a rexistrar nalgúns concellos nas últimas semanas circunscríbense a abastecementos particulares ou a pequenos núcleos rurais de poboación abastecidos dende mananciais ou acuíferos que, tal e como se prevía, son os primeiros en acusar os efectos desta situación.

En todo caso, o acceso á auga por parte da poboación incluso nestes puntos máis problemáticos está a ser garantido a través do subministro mediante sistemas alternativos contemplados para estas situación, así como a través de autorizacións de derivacións temporais da captación.

Medidas adoptadas


Desde o pasado mes de xaneiro, no que se activou a prealerta por seca no conxunto da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a Xunta estivo sempre atenta ante as posibles incidencias que se puideran derivar desta situación.

Nesta liña, a Xunta puxo en marcha unha campaña de concienciación que chama á sociedade a facer un uso responsable da auga dado que, aínda que Galicia non é polas súas características unha terra de seca, nin os recursos son ilimitados, nin somos alleos as consecuencias da seca se non facemos un uso racional da auga.

Por outro lado, xa no mes de maio, Augas de Galicia remitiu aos concellos da demarcación unha carta coa recomendación da posible adopción dunha serie medidas, que están dentro das competencias municipais, e que teñen como obxectivo reducir os consumos non esenciais de auga (limitación de baldeo e limpeza de rúas e fomento do uso responsable da auga nas instalacións municipais; limitación do enchido de piscinas ou intensificación das labores de mantemento da rede de abastecemento de cara a minimizar perdas).

Seguimento exhaustivo

 

Ademais das medidas adoptadas, a situación de prealerta leva consigo un seguimento exhaustivo do estado da Demarcación, polo que, a finais deste mes de setembro volverase a facer unha nova análise, posto que o comportamento deste mes será clave para determinar se é necesario adoptar novas medidas. Segundo indican desde Meteogalicia, prevense valores normais para un mes de setembro, tanto en precipitación e temperaturas.