CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Os encoros de abastecemento da Demarcación Galicia-Costa atópanse ao 70 por cento da súa ocupación total

Todas estas presas presentan valores entre o 65 e o 70 por cento, agás Pontillón do Castro, que supera o 90 por cento, ou Baiona cun 57

En relación ás bacías destinadas ao consumo hidroeléctrico, o do Eume é o de maior volume

Augas de Galicia reitera a necesidade de realizar un uso responsable da auga, dada a situación de prealerta por seca na que se atopa a Comunidade motivada polo baixo caudal dos ríos

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2017.- Os encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, administrados por Augas de Galicia, atópanse ao 61,05 por cento da súa capacidade total. Concretamente, os de abastecemento, ao 71,27 por cento, e os de uso hidroeléctrico ou industrial, ao 60 por cento. Así se recolle no último informe no que se sinalan os datos da evolución dos recursos hídricos na Demarcación Galicia- Costa, recollidos o 29 de agosto, e no que se indica que os 19 encoros de Galicia- Costa contan cun volume total de 421,32 Hm3, dos 690,15 (volume total).

Todos os embalses de abastecemento presentan unha porcentaxe de ocupación entre o 65 e o 70 por cento agás o de Baiona, ao 57,11 por cento; e o de Vilagarcía ao 19,14 por cento. O encoro de Pontillón de Castro é o que presenta a maior porcentaxe de ocupación, cun 95,14 por cento.

No que se refire ás bacías destinadas ao consumo hidroeléctrico, o encoro do Eume é o que presenta o maior volume de ocupación, cun 84,70 por cento. Na táboa, sinálanse os datos do estado actual dos encoros de abastecemento (azul) e de uso hidroeléctrico (verde).

Comparando a situación actual cos niveis que se rexistraban o pasado ano, o volume dos encoros sitúase 10 puntos por debaixo, xa que o 29 de xullo de 2016 estaban ao 71,39 por cento, fronte ao 61,05 por cento actual.

Aquí poden acceder ao Boletín Hidrolóxico, no que se amplía a información sobre a evolución dos recursos hídricos no ano hidrolóxico 2016-2017.

Pese a que os encoros presentan niveis inferiores con respecto ao ano pasado, a súa situación, e especialmente a dos de abastecemento, considérase estable dentro desta época do ano, caracterizada pola escaseza de choivas e un aumento do consumo. A situación de prealerta na que se atopa a Comunidade activouse debido ao baixo caudal dos ríos e dos acuíferos, que a causa do déficit de precipitacións, teñen dificultades para recargarse.

Neste senso, a situación de inestabilidade atmosférica e as precipitacións recollidas nestes días produto das treboadas non parecen suficientes para a recuperación dos ríos e os acuíferos, xa que, para iso, serían necesarias choivas continuadas. En todo caso, haberá que esperar aos próximos días para cuantificar o seu efecto real.

Deste xeito, desde Augas de Galicia, reitérase a necesidade de realizar un uso responsable da auga e máis tendo en conta a situación de prealerta por seca na que se atopa a Comunidade.