CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita as obras para a execución dunha nova rede de saneamento no lugar de Sirves, en Ribeira

Esta actuación, cun orzamento de máis de 220.000 euros, permitirá dispoñer dunha malla de colectores para a recollida das augas residuais procedentes das vivendas do lugar con destino á rede xeral para o seu tratamento

Con esta medida dáse resposta á necesidade deste núcleo de poboación de contar cun sistema de xestión e tratamento das augas e contribuír, así, ao saneamento integral da Ría de Arousa

A Consellería de Medio Ambiente recorda que o incremento da calidade das augas segue a ser prioritario para o Goberno galego, que no horizonte do 2020 terá concluída toda a planificación do saneamento das rías
 

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2017.- Augas de Galicia anuncia hoxe a través do Diario Oficial de Galicia a licitación das obras para a execución dunha nova rede de saneamento no lugar de Sirves, no concello de Ribeira. Esta actuación, que conta cun orzamento de máis de 220.000 euros permitirá dispoñer dunha malla de colectores para a recollida das augas residuais da zona procedentes das vivendas da zona con destino á rede xeral para o seu tratamento.

Mediante esta intervención, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pretende dar resposta á necesidade deste núcleo de poboación de contar cun sistema para a xestión e o tratamento das augas e contribuír, deste modo, ao saneamento integral das rías galegas.

En concreto, as obras previstas consisten na instalación de 1.500 metros de colectores, que conducirán as augas residuais urbanas das vivendas situadas nesta zona á rede xeral existente co fin de seren tratadas na Estación depuradora de Corrubedo.

Segundo as previsións de Augas de Galicia, a actuación, que conta cun prazo de execución duns 4 meses, dividirase en 6 tramos a través dos cales condúcense as augas residuais urbanas por gravidade ata os seus respectivos puntos de conexión.

O departamento autonómico recorda, por outra banda, que a execución destes traballos forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno galego reflectidos nos orzamentos anuais da Comunidade.

Así pois, a mellora da calidade das augas no lugar de Sirves, dentro da parroquia ribeirense de Olveira é unha das actuacións contempladas nos orzamentos autonómicos coas que se pretende completar o saneamento integral da Ría de Arousa. Cómpre salientar que o Goberno galego fixou o obxectivo de ter rematada toda a planificación do saneamento das rías galegas e a maioría das infraestruturas estarán executadas ou en servizo no horizonte de 2020.