CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Medio Ambiente e o concello de Sada asinarán un convenio para a planificación de medidas que reduzan as incidencias por causas dos asolagamentos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio trasladou esta mañá este compromiso de Augas de Galicia durante unha reunión co rexedor municipal

Mato Otero indicou que nun primeiro momento realizarase un estudo no que se recollan as propostas necesarias e se de prioridade a aquelas que sexan máis eficientes

Augas de Galicia tamén asumirá parte do financiamento das obras necesarias

  • Beatriz Mato esta mañá en Sada
  • Beatriz Mato esta mañá en Sada

A Coruña, 21 de xullo de 2017.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladou esta mañá o compromiso da Xunta a colaborar co concello de Sada na planificación de accións e medidas que reduzan as incidencias que se rexistran por causa dos episodios de asolagamento.

Así llo trasladou esta mañá Beatriz Mato ao rexedor de Sada, Benito Portela Fernández, co que mantivo unha reunión, na que tamén participou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez. Indicou que será necesario ratificar un acordo de colaboración para realizar un estudo no que se recollan as actuacións necesarias, así como a planificación axeitada para a execución das mesmas e en base a que se priorizará a execución das obras, buscando sempre a súa eficiencia e optimización.

Para a execución do que resulte do plan implicarase ás administracións con competencias na materia, polo que a conselleira tamén lle avanzou que o departamento que dirixe colaborará financeiramente na execución das actuacións que se programen e que a cantidade que aporte a Xunta de Galicia quedará ratificada na planificación económica de Augas de Galicia a partir de 2018.

Cómpre lembrar que o Concello de Sada non está dentro das zona declaradas como ARPSI (area de risco potencial de inundación) polo que en principio non se ten que priorizar ningunha planificación específica nesta zona. A pesar desta situación, o departamento que representa Beatriz Mato tomou a decisión de colaborar para definir de xeito conxunto unha solución para evitar novos episodios de asolagamentos, como os rexistrados no mes de marzo do pasado ano.