CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

‘Usa a auga con cabeza’ busca fomentar o uso responsable deste recurso durante a época estival

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio retoma esta campaña de sensibilización para instar á sociedade a que faga un uso responsable da auga

A Demarcación Galicia-Costa está en situación de prelaerta por seca, debido principalmente ao baixo caudal que corre polos ríos respecto do que sería esperable nesta época do ano

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, pon en marcha unha nova edición da campaña para fomentar o uso responsable deste recurso. ‘Usa a auga con cabeza’ vén a poñer de manifesto que aínda que os galegos estamos afeitos a vivir nunha terra de auga e a pensar que a seca non é unha situación que se poida dar nesta comunidade, debemos ser conscientes de que en Galicia a auga é unha imprescindible fonte de vida e un recurso finito.

Trátase dunha campaña de concienciación que chame á sociedade a facer un uso responsable da auga, dado que, aínda que Galicia non é polas súas características unha terra de seca é moi posible que no futuro vexamos algunhas consecuencias se non facemos un uso responsable da auga.

Nesta iniciativa preséntase unha esaxeración para chamar a atención sobre unha situación que, sen ser propia da comunidade dos mil ríos, podería chegar a selo se non tomamos medidas e se non facemos un uso responsable da auga.

A Consellería de Medio Ambiente decide poñer en marcha esta iniciativa para recordar a necesidade de facer un uso e consumo responsable dos recursos hídricos, sobre todo tendo en conta que durante a tempada estival a capacidade de recarga dos encoros diminúe – as probabilidades de choiva redúcense-, e que nos mantemos nunha situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica na Demarcación Galicia Costa.

A pesares da situación de prealerta, o abastecemento de auga á poboación está garantido. Neste sentido, lémbrase que os encoros da Demarcación Galicia- Costa están ao 92,43%, cinco puntos menos que en 2016.

A campaña terá presencia nos medios de comunicación, como a prensa e as radios, así como difusión on-line, a través dos perfís sociais de Augas de Galicia e de distintos departamentos do Goberno galego.

Compre subliñar que, con pequenos e sinxelos xestos que cada cidadán de xeito individual pode poñer en práctica axudamos a reducir o consumo da auga. Por exemplo, enchendo o lavalouzas ou a lavadora, afórranse 80 litros de auga e tamén enerxía eléctrica; ducharse en lugar de bañarse, permite aforrar case 200 litros; e é importante pechar as billas, porque gota a gora pódense ir 30 litros ao día. Así mesmo, é importante optimizar o consumo de auga en accións como lavar o coche, limpeza de rúas o regos.