CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Medio Ambiente presentará a finais deste verán o borrador do Plan específico de inundacións para a área de risco potencial de Caldas de Reis

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión co rexedor local, Juan Manuel Rey, na que acordaron a presentación do documento, que será sometido ao consenso dos veciños

O obxectivo do Goberno galego é crear un instrumento de planificación útil, que permita incrementar a capacidade de resposta en caso de asolagamento e que responda ás necesidades da poboación

Ademais, o organismo de conca acometerá a finais deste mes diversas actuacións para a conservación das marxes do río Umia, que consistirán na retirada de especies invasoras e roza de herbáceas

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente presentará a finais deste verán o borrador do Plan específico de inundacións para a área de risco potencial de Caldas de Reis. Así o acordaron o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e o rexedor da localidade pontevedresa, Juan Manuel Rey, durante un encontro que mantiveron esta mañá en Santiago de Compostela.

Segundo explicou o representante do departamento de Medio Ambiente, trátase dun documento vivo, que será sometido ao consenso de todos os veciños e contará coa colaboración do Concello de Caldas de Reis co fin de converter este Plan nun instrumento “útil e de todos”. Deste xeito, o contido deste documento será analizado polos responsables municipais e polos axentes sociais implicados e será presentará nun encontro aberto á cidadanía, co fin de promover a participación no programa de medidas que se adopten.

O obxectivo, engadiu Roberto Rodríguez, é crear unha ferramenta de planificación que permita incrementar a capacidade de resposta ante un eventual asolagamento, ao tempo que se reduce a frecuencia das inundacións e se mitigan e limitan os danos que os eventos inevitables poidan ocasionar. Así, as medidas que se formulan son de prevención, protección, preparación e recuperación, nas que primará a eficiencia de xeito illado, así como o aproveitamento das súas sinerxías no caso de combinar varias medidas.

Malia a que os asolagamentos son, moitas veces, inevitables en Caldas, este plan establece as medidas que, de xeito illado ou combinado, conseguirán acadar probabilidades de desbordamento baixas, xa que se trata de prever e preparar estas zonas ante episodios de asolagamentos, para protexer estes ámbitos fronte a este tipo de fenómenos e recuperar as zonas afectadas.

Mellora da canle do río Umia

A reunión que esta mañá mantivo o director de Augas de Galicia co alcalde de Caldas de Reis serviu tamén para revisar o estado da canle do río Umia, ao paso pola localidade. Neste senso, o director da demarcación Galicia-Costa anuncioulle ao represente do Goberno local que a finais deste mesmo mes acometeranse traballos de conservación e recuperación das marxes do río. Estas actuacións contarán cun investimento de 25.000 euros e consistirán na retirada de especies invasoras, a roza de herbáceas e na retirada de natureza morta que interrompe o curso normal do río.