CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Panamá amosa interese polo modelo de xestión integral dos recursos hídricos de Galicia

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, entregou ao ministro de Medio Ambiente panameño un exemplar do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, isto é, a folla de ruta do Goberno galego en materia de protección das masas de augas e mellora da calidade e dispoñibilidade deste recurso

O encontro celebrouse con motivo da celebración da Semana da Auga panameña na que a administración hidráulica galega está a participar dende o pasado luns

A reunión serviu para analizar posibles sinerxías entre ambos territorios en materia de xestión integral dos recursos hídricos y planificación de saneamento das poboacións costeiras

Igualmente, Rodríguez expuxo a traxectoria e metodoloxía de traballo de Augas de Galicia durante unha reunión coa coordinadora xeral e o equipo técnico encargado do desenvolvemento do Programa de saneamento da Bahía de Panamá
 

Panamá, 14 de xuño de 2017.- O Goberno panameño mostrou o seu interese no modelo de xestión integral dos recursos hídricos de Galicia. Así o manifestou o ministro de Medio Ambiente do país centroamericano, Emilio Sempris, durante un encontro que mantivo co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, no marco da participación galega na Semana da Auga en Panamá.

Deste xeito, o director do organismo de conca galego aproveitou a reunión para entregar ao responsable do departamento de Medio Ambiente panameño un exemplar do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa como unha mostra do traballo desenvolvido pola administración galega en canto á protección das masas de auga da Comunidade, así como á mellora dos índices de calidade e abastecemento.

Igualmente, durante o encontro, o director de Augas trasladou ao ministro panameño a experiencia de Augas de Galicia en canto aos sistemas de xestión e planificación dos recursos hídricos da Comunidade e abordaron as posibles sinerxías entre ambos territorios en materia de saneamento integral das poboacións costeiras.

O Director de Augas, rematou esta segunda xornada na Semana da Auga de Panamá cunha reunión coa coordinadora xeral e o equipo técnico encargado do desenvolvemento do Programa de saneamento da Bahía de Panamá, na que puideron analizar a traxectoria e metodoloxía aplicada por Augas de Galicia en relación á depuración e saneamento das rías galegas.