CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Augas de Galicia intensificará os controis de calidade da auga nos tramos previos á praia de Furelos, en Melide

O director da Administración hidráulica de Galicia, Roberto Rodríguez comunicou á rexedora local, Dalia García, que se porá en marcha unha campaña especial para a identificación de posibles puntos sensibles da rede de saneamento

Tamén abordaron a necesidade de realizar labores de conservación e mantemento dos ecosistemas de ribeira mediante a limpeza da canle e as marxes do río
 

  • O director da Administración hidráulica de Galicia, Roberto Rodríguez comunicou á rexedora local, Dalia García, que se porá en marcha unha campaña especial para a identificación de posibles puntos sensibles da rede de saneamento

Santiago, 8 de xuño de 2017.- Augas de Galicia cooperará co Concello de Melide co fin de intensificar os controis sobre a calidade da auga nos tramos previos á Praia de Furelos, en Melide. Así o acordaron o director da Administración hidráulica de Galicia, Roberto Rodríguez, e a alcaldesa da localidade, Dalia García, no transcurso dunha reunión celebrada en Santiago.

Durante este encontro, os responsables de ambas as dúas administracións valoraron diversas medidas que se porán en marcha co fin de localizar posibles puntos sensibles da rede de saneamento local, especialmente augas arriba da Praia de Furelos. Cómpre salientar que os técnicos da Consellería de Sanidade detectaron, concretamente no areal, calidade deficiente da auga.

Polo tanto, segundo explicou Roberto Rodríguez, Augas de Galicia porá en marcha unha campaña especial para a inspección dos tramos anteriores á Praia de Furelos e comprobar, así, o correcto funcionamento dos sistemas de bombeo e da totalidade das infraestruturas hidráulicas que dan servizo nese lugar.

Por outra banda, ambos responsables abordaron a necesidade de realizar labores de conservación e mantemento dos ecosistemas de ribeira mediante a retirada de natureza morta e a roza das marxes do río.