CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta acomete obras de mellora e ampliación do abastecemento en cinco rúas de Palas de Rei

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, comprobou in situ o desenvolvemento dos traballos, nos que se invisten 56.000 euros

Palas de Rei (Lugo), 18 de maio de 2017.- A Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a executar obras de mellora e ampliación das infraestruturas de abastecemento no núcleo urbano de Palas de Rei.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a localidade para coñecer a evolución dos traballos, que contan cun investimento de 56.265 euros e redundarán na mellora do abastecemento en cinco rúas: A avenida de Lugo, o camiño do Lavadoiro, a travesía da Feira, e as rúas Cruceiro e da Paz. As obras comezaron a semana pasada e teñen un prazo de execución de tres meses.

Balseiro explicou que unha vez rematen os traballos dobrarase o servizo actual, e beneficiará especialmente aos veciños da parte alta da vila e aos complexos de hostalería da zona.

Entre outras intervencións, instalarase un novo ramal na tubaxe de abastecemento para conectar a canalización existente na avenida de Lugo coa estación de bombeo do camiño do Lavadoiro. No cruce da avenida colocarase tamén un novo ramal para substituír o de fibrocemento existente, que se atopa en mal estado.

As actuacións na rúa Cruceiro e na travesía da Feira consistirán na instalación de válvulas para regular o caudal que discorre polo ramal, e na rúa da Paz construirase unha nova condución que cruce o vial existente.

Os traballos complétanse coa execución das conexións necesarias, tanto ao resto da rede como aos depósitos da avenida de Lugo e das Revoltas, e a instalación de válvulas en distintos puntos para regular o caudal.

O delegado territorial subliñou o esforzo do Goberno galego por renovar e modernizar as infraestruturas básicas co fin de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, ao tempo que se impulsa o desenvolvemento dos municipios galegos.